Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO alerta sobre a situación das residencias de maiores

 Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO alerta sobre a situación das residencias d A Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO de Galicia (FPX-CCOO) alerta sobre a situación das residencias de maiores. Segundo o seu secretario xeral, Carlos Mella, a COVID-19 puxo de manifesto as «graves deficiencias» do actual sistema de atención á dependencia, de xeito especial nestes centros, que concentran sete de cada dez mortes polo novo coronavirus.

A segunda vaga da pandemia «era esperada, pero quizais chega antes do previsto», situación que «está collendo por sorpresa» as diferentes Administracións. CCOO demanda medidas de prevención e protocolos claros de actuación para as persoas usuarias e as que interactúan con elas, ao tempo que bota en falta un sistema de coordinación sociosanitaria.

Ante a aparición de novos gromos nas residencias, «estase a caer nos mesmos erros que na primeira vaga da pandemia», apunta o secretario xeral da FPX-CCOO. «As residencias son lugares de convivencia, relación e participación das persoas dependentes, que reciben o soporte e axuda do persoal traballador para suplementar esas deficiencias, estimular a súa autonomía e permitirlles ter unha vida digna», salienta Mella.

Unidades de coordinación sociosanitaria

CCOO reivindica a creación de unidades de coordinación sociosanitaria, formadas por persoas responsables de atención primaria, especializada e hospitalaria do Sergas e da Consellaría de Política Social. Na mesma liña, pide establecer procedementos de interlocución entre as empresas que xestionan as residencias e as ditas unidades de coordinación.

A FPX-CCOO tamén esixe o «estrito cumprimento» dos protocolos establecidos polas autoridades sanitarias por parte das persoas traballadoras, das persoas usuarias e das súas familias.

Erradicación dos malos tratos

Á marxe dos problemas graves relacionados coa COVID-19, a FPX-CCOO denuncia que se seguen a rexistrar casos de malos tratos, soidade e abandono nalgunhas residencias. Neste sentido, o sindicato pide mecanismos como un plan de prevención e erradicación dos malos tratos ás persoas maiores, tendo en conta o enfoque de xénero, así como as situacións de discapacidade ou dependencia.

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.