Gonzalo Caballero. Feijóo da “leccións de escapismo” falando de mamparas e non de aumentar o profesorado

O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Gonzalo Caballero, acusou hoxe ao presidente da Xunta de “dar leccións de escapismo das súas responsabilidades de forma continua” ao falar da “liberdade” dos centros escolares á hora de deseñar a volta ás aulas. Trátase, como dixo, dunha “escusa” para non dar conta da “falta de medidas”, que deron como consecuencia “un aprazamento improvisado” do inicio do curso en secundaria e FP.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero acusou ao goberno galego de “agocharse tras a escusa da instalación de mamparas” nos centros educativos “porque o que non queren é contratar máis docentes”, a pesares de que a Xunta podería contratar 2.000 novos profesores só cos fondos enviados dende o goberno central. “Galicia está á cola na contratación de profesorado”, remarcou.

Nun contexto no que se están sucedendo dimisións e queixas nos equipos directivos dos centros, o secretario xeral do PSdeG criticou que Feijóo, logo de meses criticando ao goberno central e reclamándolle as competencias, agora traslade todas as responsabilidades aos centros educativos. “O problema non é o nome de quen encabece a Consellería de Educación, senón dunha década de políticas do PP de recortes en persoal e recursos”, incidiu, e avanzou traballo parlamentario para tentar que o goberno galego “rectifique”.

“Feijóo acadou en materia educativa un suspenso rotundo: nin aprobou en xuño nin en setembro”

Resumiu o líder dos socialistas galegos logo de analizar o “caos” provocado pola falla de xestión do goberno galego para preparar o inicio de curso escolar no contexto da pandemia.

INCENDIOS

O líder dos socialistas galegos reclamoulle hoxe ao goberno galego “unha auténtica política de prevención de incendios, que coide da masa forestal de Galicia baseándose no equilibro territorial”. Gonzalo Caballero sostivo que “é o momento de facer os deberes” e de acadar unha “nova lexislación que permita pasar páxina” dunha política de prevención baseada “en agardar a que chova para ter garantías”.

Sinalou que os once incendios que queimaron 6.000 hectáreas en Ourense, provocando desaloxos e poñendo en risco as propiedades e as vidas de persoas, “evidencian que a política contra incendios da Xunta é insuficiente e incapaz”. Anunciou unha ofensiva parlamentaria “para que o goberno galego comece a traballar de forma seria contra o lume” e deixe de lado “un discurso xenérico que nin executa nin acerta nas políticas contra os incendios forestais”.

Fixo fincapé na necesidade de facer “máis prevención” e “maior coidado dos montes”, ao tempo que criticou a falla de iniciativa do goberno galego e urxiu ao PP a “tomar iniciativas e medidas para chegar a acordos e arranxar aquelo que eles por si mesmos non é capaz de solucionar”.

Galicia agarda pola iniciativa do PP “igual que os profesores están á espera de que se arranxe problema do inicio do curso escolar, igual que as familias usuarias das residencias están á espera de abrir unha comisión de investigación no Parlamento de Galicia, igual que as familias desaloxadas a causa dos incendios esperan unha boa política contra o lume”.

OPERACIÓN KITCHEN

Feijóo ten que  “dar a cara” pola xestión do PP, que “institucionalizou a corrupción e utilizou os mecanismos de poder” para intentar influír no proceso xudicial da Gürtel, como se vén de revelar na Operación Kitchen.

Criticou que Feijóo intente poñer distancia dicindo que “non ía co actual PP”, cando trata de feitos producidos entre 2013 e 2015, con Feijóo como presidente da Xunta e membro da dirección do PP, e que implica a Mariano Rajoy, a quen “sempre situou como o seu referente principal”.

A  Operación Kitchen investiga a “utilización perversa das institucións do Estado por parte de persoas como Rajoy”, por se baixo a súa presidencia organizouse un dispositivo de espionaxe parapolicial utilizando fondos reservados para conseguir documentación comprometedora para o PP en poder do seu ex tesoureiro, Luis Bárcenas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.