Impulso para fomentar o uso de maquinaria en réxime asociativo en catro cooperativas lucenses

As achegas poden alcanzar ata o 50% dos custos e pretenden impulsar o uso compartido de maquinaria, a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego e racionalizar os custos de mecanización

A Consellería do Medio Rural concedeu axudas por un importe total de 544.000 euros a catro cooperativas agrarias da provincia de Lugo para fomentar o uso de maquinaria en réxime asociativo.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que na convocatoria deste ano resultaron beneficiarias as cooperativas Aira (Taboada), Lemos (Monforte), Coparma e Friolfe (ambas no Páramo). As resolución pode consultarse no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, benefician a cooperativas agrarias, de utilización de maquinaria agrícola (CUMA), de explotación comunitaria da terra ou tamén a sociedades agrarias de transformación.

Con elas procúrase fomentar o uso de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo, impulsar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego e racionalizar os custos de mecanización. Outros obxectivos pasan por incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e promover o aforro enerxético.

As axudas apoian, en concreto, os custos de adquisición de maquinaria agrícola e os estudos técnicos-económicos de viabilidade daquelas entidades asociativas do sector agrario que queiran dar servizo aos seus socios a través deste sistema que permite compartir a maquinaria.

O importe das subvencións acada en principio un 35% dos custos, pero esta porcentaxe pode incrementarse ata un máximo do 50% en función de criterios que priman a localización da entidade en zonas con limitacións naturais e o feito de que o beneficiario proceda dunha fusión de cooperativas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.