Javier Castiñeira. “Absoluto abandono dos hortos urbanos do Rato que mantén a Deputacion de Lugo”

O voceiro do Grupo Provincial do Partido Popular, Javier Castiñeira, e o seu homólogo no Concello de Lugo, Ramón Carballo, comprobaron en primeira persoa o “absoluto abandono” no que a Deputación ten os hortos urbanos do Rato. E é que estes espazos figuran agochados pola maleza, afeando así a contorna da cidade; unha zona moi empregada pola cidadanía para pasear ou facer deporte.

Os populares desprazáronse ata o lugar porque, tal e como explica Castiñeira, existen moitas queixas tanto de veciños como de usuarios. Neste senso, o voceiro do PP no Pazo de San Marcos, e logo de constatar o estado “lamentable” destes terreos, asegura que “dá moita pena ver esta imaxe, sobre todo, indica, porque é unha zona tan visitable”. Tal é así, sinala, que “non se ven os límites dos hortos, e os viveiros, semilleiros e composteiros están tamén abandonados”.

A institución luguesa comunicou hai meses que o estado de alarma paralizara os trámites administrativos para a súa posta en servizo, advertindo que, unha vez rematado este período, se retomaría o proceso para a súa posta en servizo; cuestión que incumpriron claramente vendo o estado no que se atopan.

“A previsión que manexaban sempre dende a Deputación, incluso antes do estado de alarma, é que en abril se podería facer o reparto, pero o certo é que a deixadez chega a tal punto que, nin polo estado de alarma, nin sen estado de alarma, os lucenses puideron sementar e, en consecuencia, recoller as súas colleitas este verán”, precisa Castiñeira.

“Non é un feito illado”

Trátase, por tanto, segundo afirman os responsables do PP, dun desleixo evidente. Este feito non é illado, xa que a reordenación é un proceso iniciado hai anos que nunca se chegou a culminar, o que fixo que dende hai moito tempo estes terreos continúen sen ser cultivados.

“Estamos no cinto verde de Lugo e non pode ser que as herbas nos dean pola cintura. Pedimos ao presidente e ao deputado responsable que actúen con rapidez e devolvan aos hortos a imaxe que merecen e que fan un fin social”, remarca.

Maquinaria tamén abandonada

Nas inmediacións dos hortos existe diversa maquinaria no mesmo estado. “Non sabemos de quen é pero pode ser un perigo, ademais dun foco de contaminación”, advirte Castiñeira.

Concretamente, ambos os dous voceiros puideron ver que se trata dun volquete aparcado no camiño que transcorre pola parte superior dos hortos e dunha fresadora. Esta última sitúase ao carón da caseta instalada pola Deputación na parte inferior dos cercados.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.