Lugo convértese na capital ecuestre de Galicia
Presentado este luns o Salón Internacional do Cabalo de Galicia, que terá lugar no Pazo de Feiras de Lugo do 25 ao 27 de setembro, do 3 ao 4 e do 9 ao 12 de outubro
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Concelleiro de Deportes e Medio Rural de Lugo, Miguel Fernández Méndez, o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta, Manuel Otero, e o xerente do Pazo de Feiras e Exposicións, Rubén López, presentaron este luns no Pazo de San Marcos Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia, que se celebrará no Pazo de Feiras esta fin de semana, do 25 ao 27 de setembro, e do 3 ao 4 e do 9 ao 12 de outubro.
A institución provincial colabora cunha axuda de 40.000 euros, convertendo á Deputación na principal patrocinadora do evento, que contará con máis de 500 profesionais e que se emitirá en streaming a través da súa canle de YouTube Feiras Lugo, ao non haber público nesta edición pola pandemia da Covid-19.
García Porto sinalou que “esta colaboración é moi importante, pois con ela contribuímos a dinamizar a economía a través do sector primario nun momento tan complicado coma provocado pola pandemia, ao tempo que situamos á provincia de Lugo como referente da gandería cabalar a nivel internacional”.
A Deputada destacou que durante 3 fins de semana “poderemos ver a máis de 300 dos mellores exemplares do país, nunha cita xa asentada na nosa provincia, que ano tras ano vai medrando en éxito e participación, con máis de 100 ganderías, e que nesta edición non haberá público pero poderase ver de forma online debido aos protocolos sanitarios da Covid-19”.
Así mesmo, García Porto puxo en valor a importancia económica do sector equino, “un mundo que non é de afeccionados, senón de auténticos profesionais, que xera dentro e fóra de Galicia un importantísimo mercado”. A Deputada felicitou á organización e puxo en valor que se manteña o evento adaptado a todas as medidas e protocolos establecidas polas autoridades sanitarias para que poida celebrase coas máximas garantías de seguridade.
Programación
Como cada ano, Equigal, coa colaboración da Federación Hípica Galega, acolle a celebración de concursos morfolóxicos de cabalos e bestas pura raza española, galega e árabe, a proba de enganches, o concurso nacional de salto de obstáculos e o Campionato Galego de Raid. Concretamente, a programación da feira é a seguinte:
25-27 de setembro
– XIII Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas Pura Raza Española: desde o venres á tarde os cabalos serán puntuados polo seu sexo, idade, morfoloxía e tamén pola súa funcionalidade. Esta raza destaca neste ámbito grazas á súa xenética, a súa beleza e a súa elegancia.
27 de setembro
– Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas Pura Raza Galega: como no anterior, valoraranse e puntuaranse os exemplares seguindo uns criterios segundo a fidelidade ao prototipo racial definido. O cabalo de Pura Raza Galega é a única raza equina autóctona galega e ten un temperamento dócil, tranquilo, valente e intelixente que o fai apropiado para a equitación, tanto de lecer como deportiva. Exhibición de Doma Clásica.
3-4 de outubro
– III Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas Pura Raza Árabe: este concurso réxese polo regulamento de AECCA e é puntuable para o Campionato de España. A asociación pretende dar a coñecer o cabalo de pura raza árabe, así como fomentar interese a nivel autonómico e nacional nunha modalidade deportiva tradicional como é este concurso.
– Proba de Enganches: a competición consiste en realizar un percorrido con carruaxes tirados por cabalos ou ponis, pasando por “portas” compostas por conos de plástico, estreitas e con pouca marxe para o erro. Son probas de velocidade nas que as derribas dunha porta penalizan sobre o tempo investido.
9-11 de outubro
– Concurso Nacional de Salto de Obstáculos: esta exhibición consiste en franquear dacabalo un percorrido de varios obstáculos construídos con barras, sen cometer ningunha falta nin de rexeite nin de derriba. As probas dispútanse seguindo varios baremos: contrarreloxo, caza, potencia, con cronómetro, entre outros, e clasifícanse en distintos grupos de acordo coas alturas, que oscilan entre 1,10 e 1,60 metros.
12 de outubro
– Campionato Galego de Raid: por primeira vez, Lugo acollerá no seu conxunto esta competición autonómica.
Unha feira consolidada
O Salón Internacional do Cabalo de Galicia é, dende o 2008, unha cita ecuestre de referencia do noroeste de España. O certame conta coa colaboración da Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE), que goza dun gran prestixio a nivel nacional e internacional, avalado polas exportacións de cabalos das súas ganderías a diversos países de Europa e América.