Monárquicos pasmados. Por @DulceCorcu

Na primeira comisión parlamentaria da lexislatura no Pazo do Hórreo, o deputado nacionalista Luis Bará presentou un debate no que o seu partido solicitaba que se descolgase o cadro do rei emérito das paredes da Cámara, e tamén fose desposuído do título de embaixador do Camiño de Santiago, peticións ambas dúas que foron desestimadas polos monárquicos pasmados, eses coma os do PPdeG que, en voz de Alberto Pazos Couñago, puxo alma e corazón en defender a “modélica” singladura do noso rei emérito, a moderna democracia que tutea a de calquera outro estado europeo e que nos vén dada pola súa labor e esforzo, e sobre todo, o linchamento inmerecido que está a sufrir por desalmados e desagradecidos que non aprezan todo canto ben fixo. No PSdeG non se molestaron en semellante haxiografía, pero néganse porque “non existe condea xudicial”. Coma se fixese falla despois de que o seu propio fillo, actual rei, lle retirase prebendas, soldo e o mandase a reinar lonxe das fronteiras españolas. Onde non poda velo nin lle chegue a peste a pufo e libre albedrío. O rei pasmado de Torrente Ballester reescríbese hoxe nos nostálxicos que aínda tentan lavar a cara de quen a terá manchada para sempre, negar a evidencia do que todos e todas sabemos, do despilfarro e a burla ano tras ano dunha cidadanía que, atónita e estupefacta, aínda ten que escoitar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este martes pasado, dicir que Juan Carlos I sempre será “gallego ilustre” e ben recibido en Sanxenxo e aledaños cando queira visitarnos, pola graza de deus e dos seus deputados.

Luis Bará insistíu en que render pleitesía xa non é cousa destes tempos, e ás veces a ética, a honorabilidade e a exemplaridade non precisan do terreo  xurídico para elevar unha sentenza, termos que fixeron rir ao deputado popular Pazos Couñago, nada sorprendente por outra parte, porque deben soarlle a chino. Pero as risas de verdade chegaron coa intervención do viceportavoz socialista, o señor Pablo Arangüena, cun discurso que tería perfecto encaixe naquela película de “La cena de los idiotas”, facendo gala do seu republicanismo pagando relixiosamente a cuota do Ateneo Republicano, e afirmando que ata firmaría a III República, pero ante todo a monarquía, o seu respecto e submisión absoluta á saga borbónica. E por suposto a campechanía para dicir que veña, que non é para tanto, só é un cadro, un símbolo e que non hai para tanto follón. Non sei dende dentro, pero dende fóra non parece un Parlamento dun país europeo, senón un aula de Infantil de calquera dos nosos colexios reabertos estes días. En Navarra tiveron menos escrúpulos e si foi descolgado o cadro do emérito, mentres en Barcelona foi aprobado retirarlle a Medalla de Ouro da cidade, rumbo que máis tarde ou máis cedo van seguir outros lugares. Porque Juan Carlos non ten nada de exemplar nin de honorable, nin o tivo nunca a tenor de todo o que coñecemos. Pero os monárquicos pasmados seguen vendo a El Rei onde só hai un sátrapa e un vividor. O BNG quedou só na súa reivindicación…pero ás veces é mellor iso que camiñar en malas compañas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.