Narón. TEGA, PSOE e BNG aproban unha moción respaldando as demandas da Confederación de Anpas galegas sobre o inicio do curso escolar

O pleno ordinario do Concello de Narón celebrado esta mañá aprobou unha moción presentada polo bipartito naronés –TEGA e PSOE- e polo BNG en apoio das demandas da Confederación das Anpas galegas sobre o inicio do curso 2020/2021 e sobre a que se abstiveron os edís do PP

A través deste documento ínstase á Xunta a informar aos concellos da contía que lles vai transferir –procedente do Goberno central- para investimentos en materia de educación por gastos extraordinarios polas medidas de adaptación ao protocolo da Covid-19. Así mesmo, ínstase tamén á Xunta a asumir a xestión do programa de madrugadores e de actividades extraescolares nos centros de ensino públicos da cidade por ser imprescindibles para facilitar a conciliación familiar e laboral.

Neste apartado a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, explicou que a moción responde “á improvisación das medidas e falta de empatía e diálogo da Xunta coas comunidades educativas e as administracións locais” e a que “a Xunta ten competencias plenas en materia de Educación”. Taibo lamentou a dificultade das “ordes e contraordes” comunicadas ás directivas dos centros de ensino e lamentou as dificultades de conciliación que afectan ás familias con menores en idade escolar. Na mesma liña, o voceiro do PSOE, David Pita, acusou á Xunta de “pasar a pelota dende que se decretou o estado de alarma” e de “deixadez de funcións a pesares que dende marzo se leva avisando das necesidades dos centros para retomar o curso escolar”.

Finalmente, a alcaldesa, Marián Ferreiro, denunciou a “falta de implicación da Xunta para tomar medidas que a día de hoxe brillan pola súa ausencia” e destacou o esforzo inversor que se realiza dende concellos como o de Narón para reforzar a limpeza e desinfección e tamén incrementar as horas de persoal de apoio, limpeza e comedores nas escolas infantís municipais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.