O BNG pide “máis impulso do galego” en A Coruña

O BNG pídelle ao Goberno local que promova o uso do galego por parte das entidades sociais, deportivas ou culturais coas que ten asinado convenios nominativos

A concelleira do BNG, Avia Veira, rexistrou un rogo, que defenderá no Pleno do próximo xoves 1 de outubro, para que o Goberno Local promova o uso do galego por parte das entidades sociais, deportivas ou culturais, coas que ten asinado convenios nominativos.

Trataríase de que estas entidades utilizasen o galego no material informativo –carteis, folletos, etc- co que dan conta de actividades financiadas polo Concello.

A tal efecto no articulado dos convenios nominativos que se asinen “deberían figurar cláusulas lingüísticas que garantisen o uso da nosa lingua”.

Na exposición de motivos desta iniciativa, explica Avia Veira que “o Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galiza en 2004 estabeleceu como principios básicos do proceso normalizador a chamada oferta positiva e oferta informativa”.

A positiva consiste en que as administracións públicas, na súa relación coas cidadás e os cidadáns, empreguen en primeira instancia a lingua galega e que se manteñan nela salvo que a persoa interlocutora dea sinais de preferir falar en castelán. “Esta práctica axudaría obviamente a desinhibir o galego e a acabar cos usos diglósicos do noso idioma, infelizmente aínda vixentes”, declaran.

“A oferta informativa ten de se traducir, por súa parte, na emisión en galego de documentos por parte das administracións. Unha e outra oferta son as dúas caras dunha mesma moeda, a da cortesía, a do respecto dos dereitos lingüísticos, unha das claves da dinámica normalizadora que se pretendeu abrir co PXNL de 2004”, salienta Avia Veira.

“É moita hora de aplicar esta lóxica a todas as actividades que directa ou indirectamente financia o Concello da Coruña”, entende a edil nacionalista. “Se o Concello da Coruña cumprise cos principios da cortesía e de oferta positiva recollidos no PXNL estaría a convidar as persoas galegofalantes a empregaren a súa lingua e a non agachala”, remarca. Mais tamén estaría a convidar “as persoas castelán falantes” a usar o idioma propio do país.

A iniciativa de Veira parte dunha constatación: “a de que con frecuencia os carteis e folletos de actividades de entidades sociais coas que o Concello ten asinado convenios edítanse en castelán, a pesar de neles aparecer o logo da institución local”. “Dado que tamén son imaxe do Concello e que están financiados por esta Administración local, que ten a obriga de promover o uso da nosa lingua, cremos que o Goberno Municipal debería fomentar que empreguen o galego nos carteis, folletos e demais material informativo”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.