O Campus Terra dá voz a España no proxecto europeo de agricultura e alimentación sustentable

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo da USC liderará desde España o grupo de traballo de Políticas Sustentables do programa europeo de agricultura e alimentación sostible (Ae4eu), un proxecto cun orzamento de máis de dous millóns de euros que vén de aprobar a Comisión Europea e cuxo prazo de execución se estenderá desde xaneiro de 2021 ata finais de 2023.

A catedrática do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC na EPSE e integrante da Agrupación Estratéxica de Investigación BioReDes do Campus Terra Rosa Mosquera coordinará as diversas accións que promova e desenvolva o grupo de traballo de políticas sustentables deste programa no continente europeo, un cometido para o que contará cun orzamento aproximado de 300.000 euros.

O obxectivo primordial do programa europeo de agricultura e alimentación saudable, unha nova iniciativa tamén incluída na estratexia Horizonte 2020, o programa marco a través do que a Unión Europea financia proxectos de investigación e innovación en diversas áreas temáticas,  pasa polo desenvolvemento de contextos e escenarios apropiados para a creación dunha rede europea de laboratorios vivos agroecolóxicos.

A posta en marcha ou, no seu caso, a optimización dunha infraestrutura europea de investigación e a progresiva implantación de espazos de aprendizaxe para futuros agricultores e demais actores da sociedade civil constitúen outros dos cometidos deste programa europeo, no que a USC colabora con outras 11 universidades, institutos de investigación e asociacións medioambientais, entre outras entidades. O programa Ae4eu, que se atopa aínda nunha fase inicial de constitución, supón pois un novo intento por desenvolver un laboratorio vivo europeo e unha rede de investigación continental con capacidade para acelerar a transición cara a sistemas agrícolas e alimentarios máis sustentables, sinala Mosquera.

A catedrática Rosa Mosquera coordina o grupo de traballo de Políticas Sustentables do programa Ae4eu, que conta con orzamento de máis de 2 millóns de euros e busca desenvolver laboratorios vivos agroecolóxicos, infraestruturas de investigación e espazos de aprendizaxe no contexto continental

Ese ambicioso proxecto paneuropeo, no marco do que se investigarán, analizarán e debaterán os contextos políticos e a reformulación das futuras políticas agroecolóxicas e de recuperación verde da UE, promove a transición a enfoques agroecolóxicos, tales como os sistemas orgánicos e rexenerativos. Estes modelos facilitan certas garantías para que as sociedades poidan abordar as emerxencias climáticas e outros fenómenos naturais, ao tempo que achegan alternativas que permiten o consumo de alimentos saudables e que contribúen a avanzar cara a economías rurais e alimentarias prósperas.

A EPSE do campus de Lugo da USC colaborará no desenvolvemento deste proxecto, coordinado a nivel xeral polo Instituto Francés de Educación Superior (ISARA), a universidade británica de Coventry, a universidade italiana de Ciencias Gastronómicas, a universidade Wageningen de Holanda, a universidade Sueca de Ciencias Agrícolas, a principal organización italiana de investigación en agroalimentación CREA, o Instituto Thünen de Alemaña e as aosicaicóns multiactor Agroecologiki, en Grecia, EcoRuralis, en Romanía, así como coa coordinación europea de Vía Campesina, un movemento internacional no que conflúen organizacións de campesiños, pequenos e medianos produtores, mulleres rurais…, e Agroecologiki Europa, con sede en Bélxica.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.