O CITIC da UDC recibe máis dun millón de euros do Ministerio de Ciencia para desenvolver dez proxectos de investigación

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC recibirá máis de un millón de euros en financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España para o desenvolvemento de dez proxectos de investigación durante os próximos anos. Así o confirma a resolución definitiva da Axencia Estatal de Investigación, pola que se conceden axudas correspondentes á convocatoria 2019 a “Proxectos de I+D+i”. Desta forma, o CITIC logra captar fondos por un importe de 1.219.317 euros.

O programa está composto por dúas categorías: Retos Investigación, na que o CITIC acadou financiamento para seis proxectos, e Xeración de coñecemento, pola que o Ministerio outorgou catro proxectos ao centro coruñés. Ademais, coa axuda obtida, serán financiados catro contratos predoutorais asociados a catro proxectos de investigación.

Segundo se explica na convocatoria, a modalidade Retos investigación está orientada á resolución de problemas vinculados aos oito grandes retos da sociedade incluídos no Plan Estatal de I+D+i 2017-2020. Pola súa banda, os proxectos do programa Xeración de coñecemento están motivados pola curiosidade científica e teñen como obxectivo primordial o avance do coñecemento, independentemente do horizonte temporal e do ámbito de aplicación do mesmo.

Os proxectos do CITIC que obtiveron financiamento, e os seus investigadores principais correspondentes, son os seguintes: Aprendizaxe Automático Escalable e Explicable (Amparo Alonso Betanzos); Estudo das combinacións léxicas nun corpus académico de noveles para unha Ferramenta de Axuda á Redacción de Textos Académicos (Margarita Alonso Ramos); Detección temperá de intrusións e anomalías en redes definidas por software (Víctor Manuel Carneiro Díaz); Análise de estratexias para incorporar humanos ao proceso de aprendizaxe automático e a súa aplicación á investigación do cancro pancreático (Eduardo Mosqueira Rey); Avances en codificación e procesado de sinal para a sociedade dixital (Luis Castedo Ribas); Cuantificación e caracterización computacional de imaxe multimodal oftalmolóxica: estudos en esclerose múltiple (Manuel F. González Penedo); Avaliación e asesoramento para a mellor eficiencia e efectividade da tecnoloxía de apoio (Thais Pousada García); Visualización e exploración baseada en fluxos e analítica de Big Data espacial (Miguel Ángel Rodríguez Luaces); Desafíos Actuais en HPC: Arquitecturas, Software e Aplicacións (Juan Touriño Domínguez); e Métodos matemáticos e computacionais para novos retos en finanzas cuantitativas, medio ambiente, biotecnoloxía e enxeñaría (Carlos Vázquez Cendón).

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. En 2019 renova esta acreditación e pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.