O PSdeG esixe a Feijóo transparencia e protocolos claros nas residencias de maiores

A deputada do Grupo Parlamentario do PSdeG, Marina Ortega, esixiu este mércores no pleno do Parlamento “transparencia e protocolos claros” nas residencias de maiores ante os novos gromos da covid e as “terribles consecuencias que novamente” están a ter para as usuarias e usuarios con centros onde “nun só día se detecta un nivel de contaxio do 90 por cento do total de residentes”.

A responsable de política social do PSdeG, lembrou que “a especial vulnerabilidade” das e dos maiores nas residencias galegas quedou de manifesto “coa perda de 317 vidas, case a metade de todas as vítimas” que a pandemia se ten cobrado na nosa comunidade. A pesar disto, lamentou Ortega, “a día de hoxe non hai constancia” de que a consellería de Política Social “teña implementado unha sola mellora” para arranxar “as graves deficiencias e problemas de persoal e a falta de profesionais cualificados” lamentou.

Marina Ortega precisou a “recorrente petición das traballadoras” reclamando baixar “as ratios” ante a imposibilidade de facer fronte “con garantías e dignidade” aos coidados que precisan as e os residentes. A parlamentaria censurou que a Xunta “non teña feito nada” neste sentido a pesar, “de que pasan os meses e novamente vese na obriga de intervir novos centros” pola alta incidencia do virus nas residencias galegas.

Ante esta situación, Ortega preguntou á conselleira se “houbo algunha aprendizaxe nestes meses” e que “protocolos e criterios” desenvolven unha vez deciden intervir un centro de maiores.  E é que para a deputada socialista, “non é de recibo a falta de prudencia e cautela” que amosa a Xunta neste ámbito, cando se lle pregunta a conselleira polas súas responsabilidades ao respecto das residencias, “limítase á política de autobombo”, lamentou.

Neste sentido, Ortega salientou “o feito de que Feijóo cesara ao director xeral de maiores”, o que vén a amosar que “en realidade saben que as cousas non se fixeron ben”.  Neste contexto, a parlamentaria socialista esixiu “información detallada, diálogo coas traballadoras e familiares de usuarios e criterios obxectivos na intervención das residencias”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.