O reitor arranca o curso cunha reunión con todos os decanos/as e directores/as da Universidade da Coruña para revisar os protocolos da volta ás aulas

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, reuniuse esta mañá na Reitoría con todos os decanos/as e directores dos centros dos campus da Coruña e Ferrol para revisar as medidas tomadas en xullo para a volta ás aulas prevista para o vindeiro día 21 de setembro.

Abalde estivo acompañado pola vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez, a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, o xerente, Ramón del Valle, e o adxunto do reitor para Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, Carlos Escudero. O reitor comezou a reunión agradecendo aos presentes o traballo realizado o curso pasado, tanto na adaptación académica no tempo de confinamento como na preparación realizada para este próximo curso. Abalde anticipou que para este próximo curso vanse tomar “decisións moi rápidas, reactivas ante situacións de positivos de Covid-19 ou corentenas”. Para facilitar o acceso a estas medidas, tanto as que tome a propia Universidade de carácter xeral como as específicas de cada un dos centros, estase habilitando unha páxina web, https://www.udc.gal/gl/covid-19/medidas-inicio-curso/, de forma que se poida ter información concreta e accesible de cada un dos centros. Estas medidas, ademais estarán suxeitas a revisión continua para adaptarse á situación que haxa en cada momento, como se revisaron os protocolos de xullo debido a que agora o uso de máscara é obrigatorio en todo momento.

O reitor anunciou ademais a posta en marcha dun número de teléfono de atención ao alumnado da Universidade da Coruña. Este teléfono será o punto de referencia do estudantado para que poida resolver as súas dúbidas académicas ou de todo o que necesite da UDC, segundo explicou o reitor. Tamén proximamente todos os centros terán documentación elaborada polo Servizo de Prevención de Riscos con información práctica sobre que facer ante a aparición dun caso positivo na UDC e que se fai no grupo onde aparece un contaxio. No caso de que o positivo sexa do profesor, este será substituído por un docente da súa área, pero o complicado, analizou o reitor, será cando sexa o alumnado o que estea en corentena. “Temos que garantir que poida seguir coa formación, vai ser un esforzo para o profesorado que terá que poñer as súas materias en sistemas audiovisuais ou en virtual e planificar titorías específicas para o alumnado nesa situación”, recoñeceu o reitor, adiantando que a UDC mellorará as ferramentas tecnolóxicas dispoñibles. Haberá un novo Moodle, máis áxil e con maior capacidade, que ademais será de uso obrigatorio para todo o profesorado; mellorarase o sistema de Teams e actualizarase a app da UDC para que esta aplicación serva de canle de comunicación rápida e sectorizada de cada centro co seu alumnado. “As ferramentas tecnolóxicas funcionaron ben o curso pasado pero agora estamos dando un salto cualitativo con estas melloras”, valorou Abalde, incidindo na inmediatez da divulgación da información ao alumnado de forma que coñeza o antes posible calquera incidencia que lle atinxa.

Neste sentido, a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente anunciou que se ofertarán cursos de formación nestas ferramentas tecnolóxicas, tanto para o alumnado como para o profesorado. Avanzou tamén outras medidas que se tomarán este curso: o impulso de mentores en cada centro coa función de facer un seguimento estreito do alumnado e a creación da figura do asesor de formación tamén en cada centro de forma que o profesorado o teña como referencia para resolver dúbidas técnicas. Nancy Vázquez manifestou na reunión de hoxe a súa preocupación polo alumnado que accede á Universidade por primeira vez, que se enfronta a unha situación descoñecida nun momento tan complexo, e pediu aos responsables dos centros un especial “mimo” para ese estudantado.

Outras das iniciativas que se porán en marcha este curso será a realización de test serolóxicos ao persoal da UDC, tanto ao profesorado como ao persoal de administración e servizos, a entrega de máscaras hixiénicas corporativas reutilizables para todo o persoal, a petición ao alumnado para que use sempre o mesmo posto en aula e medidas especiais de limpeza, como a desinfección xeral para o inicio do curso, desinfección periódica das zonas comúns e o reforzo da limpeza dos centros ao longo do curso.

A reunión desta mañá concluíu cunha revisión da planificación realizada o curso pasado para actualizala á situación actual con vistas a garantir a seguridade tanto do alumnado como do persoal así como a calidade docente e a equidade para o estudantado.  O reitor anticipou a frecuencia destas reunións ao longo do curso para valorar os distintos escenarios e casuísticas en función da actualidade sanitaria.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.