Os socialistas reclaman no Parlamento que se cubran as baixas médicas en Antas de Ulla

Os Deputados Luís Álvarez e Patricia Otero, mantiveron unha xuntanza de traballo coa Voceira Socialista de Antas de Ulla, Pilar García Porto e cos concelleiros socialistas, na que presentaron unha batería de iniciativas para demandar mellor asistencia médica na vila

Os deputados lucenses do Grupo Parlamentario Socialista, Luís Manuel Álvarez Martínez e Patricia Otero Rodríguez, avanzaron diante do centro de saúde de Antas de Ulla que rexistraron “unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamar ao Goberno de Feijóo, unha correcta atención primaria no concello, cubrindo as prazas do persoal médico cando estes se atopen de baixa ou de vacacións.”

Os deputados, mantiveron unha xuntanza de traballo coa Voceira Socialista de Antas de Ulla, Pilar García Porto e cos concelleiros socialistas da vila, na que presentaron esta proposta coa que reclaman unha mellor asistencia médica.

Así as cousas advirten que “as veciñas e veciñas de Antas de Ulla sofren as consecuencias das políticas desacertadas dos gobernos do Partido Popular, para garantir unhas condicións de vida que permitan facer unha vida nos ámbitos rurais cuns estándares mínimos de calidade e existencia de servizos”.

Nesa liña lembran as denuncias feitas pola Agrupación Socialista de Antas de Ulla, “xa que cada vez que se inicia un período de vacacións, no centro de saúde só hai un facultativo para atender á toda poboación. Unha soa doutora para atender aos pacientes que acoden á consulta e para atender á vez tamén as consultas nos domicilios particulares e ás urxencias que poidan xurdir, polo que, si o persoal sanitario ten que saír do centro de saúde para atender unha urxencia nun domicilio o centro de saúde queda completamente desatendido”.

Os socialistas remarcan que “o fortalecemento da atención primaria supón unha necesidade case imperativa para poder achegar os servizos sanitarios á poboación, tanto en termos de infraestruturas como de persoal”.

Por último aluden “a incoherente resposta ante esta demanda que se da entre o concello de Antas de Ulla e a Xunta de Galicia é que se vai a facer un novo centro médico o que, evidentemente, celebramos, pero que nada ten que ver coa dotación de persoal sanitario; de nada servirá para a atención á poboación a existencia de novas instalacións se non se garante persoal suficiente para que esas instalacións dean resposta a aquilo para o que foron concibidas e construídas”.

Compromiso da Agrupación Socialista de Antas de Ulla

Pola súa banda, Pilar García Porto lembrou que no último Pleno Extraordinario, convocado polo Grupo Socialista, anunciou que presentaría esta iniciativa. “E unha vez máis cumprimos co noso compromiso diante das veciñas e dos veciños de Antas de Ulla, e presentamos esta proposta para evidenciar as carencias sanitarias que sofre a nosa vila. Nosoutros seguiremos insistindo e poñendo voz a todas ás necesidades que existen na nosa vila. Queremos que se cubran as baixas medicas, non podemos seguir así”, resumiu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.