Persoas con problemas de saúde mental impulsan unha campaña sobre a importancia da inserción laboral

Baixo o nome “Nós vémolo claro, ti que ves?”, a iniciativa pretende transmitir que unha axeitada incorporación ao mundo laboral é unha forma máis de camiñar cara á plena inclusión das persoas de maneira positiva e saudable

Achegándose ao Día Mundial da Saúde Mental, que se conmemora o 10 de outubro, o Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia lanza a campaña de sensibilización “Nós vémolo claro, ti que ves?”. O obxectivo desta acción é mostrar á sociedade as dificultades coas que se atopan as persoas con problemas de saúde mental nos seus procesos de inserción laboral, así como sensibilizar sobre esta realidade e amosar solucións positivas.

A campaña pretende dar continuidade á presentada o ano pasado, “Botemos o estigma ao lixo”, amosando que sucede cando unha persoa con problemas de saúde mental accede a un emprego. Á súa vez, a iniciativa vai en sintonía co lema do Día Mundial da Saúde Mental 2020: “Saúde mental e benestar: unha prioridade global”, defendendo que unha axeitada incorporación ao mundo laboral é unha forma máis de camiñar cara á plena inclusión das persoas de maneira positiva e saudable, libre de estigmas e prexuízos e poñendo no foco nas capacidades.

A campaña “Nós vémolo claro, ti que ves?” consta dunha serie de fotografías nas que se poden ver a dúas persoas nun entorno laboral, unha con enfermidade mental e outra sen ela. A pesar de ser aparentemente semellantes, unha das persoas asegura ter moitas máis dificultades para acceder a un posto de traballo ou para manter un emprego debido ao estigma vinculado á saúde mental.

As fotografías serán publicadas durante a primeira quincena de outubro no blog mentalizaccion.org, así como na web e redes sociais de Saúde Mental FEAFES Galicia. Igualmente, o Comité en Primeira Persoa anima a todo o mundo a compartir as súas experiencias ou a difundir a campaña nas redes sociais empregando o hagstag #VémoloClaro.

O Comité en Primeira Persoa, un espazo con voz propia

O Comité Galego en Primeira Persoa é un órgano que da voz ás persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións, conformando un marco para o diálogo e a posta en marcha de accións concretas que permitan avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades das persoas con problemas de saúde mental.

Foi constituído en novembro de 2017 en Santiago de Compostela e actualmente conta con seis membros activos procedentes de diversos puntos de Galicia. A través de reunións mensuais, o Comité convértese nun espazo de intercambio de información e inquedanzas onde os seus integrantes tratan temas relacionados coa saúde mental que lles afectan e lles preocupan.

Entre as accións que levan a cabo, destaca a elaboración e actualización dun blog en primeira persoa (mentalizaccion.org), accións formativas, posicionamentos ante temas relacionados coa saúde mental ou accións de sensibilización.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.