Solpores no Lagoeiro celebra unha sesión musical ‘extra’ para recibir o 25 de setembro a Andrés Suárez  

A casa de turismo rural A Casa do Lagoeiro celebra a boa acollida entre o público da súa nova programación cultural e ofrece un último concerto para este 2020. A actuación enmárcase nunha acción especial dos Solpores no Lagoeiro cuxa denominación lembra o engadido sorpresa, o máis un (+1). Así, a derradeira cita deste ano coa música no xardín do recinto será o vindeiro 25 de setembro e chegará da man dunha das voces máis singulares da escena actual, como é a do cantautor Andrés Suárez.

O músico ferrolán chega a localidade de A Estrada para presentar o seu octavo disco, Andrés Suárez, publicado no mes de xuño, e logo da suspensión e aprazamento dalgúns dos concertos previstos nas vindeiras semanas. Co seu paso polos Solpores no Lagoeiro, as seguidoras e os seguidores de Suárez terán unha nova oportunidade para gozar da súa música ao vivo en Galicia. As entradas para esta actuación, que comezará ás 21.00 horas, estarán dispoñibles a partir das 00.00 horas de mañá, martes 15, no web www.enterticket.es.

A Casa do Lagoeiro iniciou no mes de agosto un novo ciclo de música e humor ao vivo co obxectivo de poder ofrecer, nun espazo singular e ao aire libre, unha experiencia única para a veciñanza da Estrada e de toda Galicia. Así, o xardín do recinto da rúa Vilar converteuse nun escenario de proximidade para figuras recoñecidas do panorama musical e humorístico estatal, como son Rayden, Mikel Erentxun, Luis Piedrahita, Marlango, Fredi Leis, Tanxugueiras, Xoel López e Goyo Jiménez. Todos os concertos leváronse a cabo a ceo aberto cun protocolo específico para garantir a seguridade das artistas, público e persoal.

Casa do Lagoeiro

Tras o peche da programación prevista este 2020, Solpores no Lagoeiro ofrece o día 25 unha bóla extra para o público como agasallo pola súa confianza nesta primeira edición. Será unha ocasión especial para dar despedir a tempada estival e dar a benvida ao outono cunha pequena mostra do que será a vindeira edición do ciclo: ademais de poder gozar en directo da música de Andrés Suárez, A Casa do Lagoeiro ofrece nesta ocasión un pequeno pack de experiencias e que inclúe, ademais da entrada ao concerto, unha cea co menú degustación no Restaurante do Lagoeiro e hospedaxe nesta casa de turismo rural. Este pack tamén estará dispoñible a través da plataforma www.enterticket.es.

Cultura seguraTodos os concertos e espectáculos de Solpores no Lagoeiro celébranse no exterior da casa de turismo rural A Casa do Lagoeiro (rúa Vilar, 17), nun xardín preparado especificamente para a ocasión e no que se dan todas as garantías de seguridade para poder gozar da iniciativa á vez que se cumpren os protocolos sanitarios. O espazo conta con indicacións para o tránsito e facilita xel hidroalcohólico para as e os asistentes, que deberán levar mascarilla en todo momento.
Unha vez no recinto, que abre as portas cunha hora e media de antelación ao inicio de cada espectáculo, o público séntase en función dos convivintes ou unidade familiar. Cada grupo, respectando a distancia de seguridade de 1,5 metros que establece o protocolo, conta cunha mesa na que o servizo do Restaurante do Lagoeiro serve as bebidas durante a sesión, á fin de minimizar os movementos do público. As persoas que, ademais do espectáculo, queiran gozar dunha cea no establecemento, deberán facer a súa reserva previamente.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.