Unha investigación que abre novas portas á terapia con células nai, Premio de Investigación 2020 da RAGC

O descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular, desenvolvida pola USC e que abre novas portas ao estudo e ao tratamento de enfermidades coma o cancro e as doenzas autoinmunes, acaba de ser recoñecido co Premio de Investigación 2020 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), dotado con 6.000 euros. Na investigación, participan grupos científicos de Reino Unido, Estados Unidos, China, Australia e Canadá. Os premios serán entregados durante a celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro.

Coordinado polos investigadores Diana Guallar e Miguel Fidalgo, o proxecto supón un fito no campo do uso terapéutico das células nai, concretamente das células nai pluripotentes inducidas (iPSC). O equipo galardoado está liderado polos grupos de Epitranscriptómica e Envellecemento e de Células Nai e Enfermidades Humanas do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC.

 Diana Guallar e Alejandro Fuentes

Este tipo de células nai son células adultas reprogramadas para actuar de xeito similar ás células nai embrionarias, das que se coñece amplamente o seu potencial terapéutico en enfermidades que implican o deterioro celular pola súa capacidade natural para perpetuarse de maneira ilimitada e replicar calquera célula dun organismo adulto. A vantaxe que ofrecen as iPSC é que, estimuladas do xeito correcto, poden facer o mesmo papel de reparación de tecidos humanos danados que as embrionarias, evitando os problemas éticos asociados á destrución de embrións para obtelas.

Esteban Suárez

O equipo de científicos da USC descubriu os mecanismos desa correcta estimulación, identificando que as modificacións químicas en moléculas de ARN (ácido ribonucleico, coñecido coma o mensaxeiro do ADN) son esenciais para reprogramar ese tipo de células nai. En concreto, a súa investigación conclúe que ese tipo de modificacións son inducidas por unha proteína denominada ADAR1, necesaria para obter células con potencial en medicina rexenerativa.

O máis relevante a nivel mundial

Este foi o primeiro estudo liderado por investigadores galegos que logrou a súa publicación na prestixiosa revista científica Cell Stem Cell, a máis relevante a nivel mundial no campo das células nai e unha das máis destacadas en ciencias da vida. O seu principal valor radica en que supón un antes e un despois na superación dos retos existentes no uso terapéutico eficiente e seguro das células nai pluripotentes inducidas.

Nanomateriais cun comportamento multifuncional

Na categoría de premios dirixida a investigadores mozos, outorgóuselle unha mención honorífica a Esteban Suárez, do grupo Nanobiomol do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC. O seu traballo supón un salto cualitativo no campo dun tipo de polímeros denominados helicoidais sintéticos, xa que permite desenvolver novos nanomateriais cun comportamento multifuncional e interesantes propiedades aplicables á biomedicina e ás TIC, como a encapsulación de substancias e o desenvolvemento de sensores.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.