USC. A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC, Premio Galicia Alimentación 2020

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus de Lugo da USC vén de ser recoñecida este xoves na gala de entrega dos VI Premios Galicia Alimentación 2020, uns galardóns outorgados polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), a través dos que a entidade presidida por Juan José de la Cuerda, recoñece sete proxectos, compañías e persoas que ao longo do presente exercicio destacaron pola súa traxectoria no ámbito da alimentación.

O Clusaga distinguiu a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC pola súa contribución á proxección do sector alimentario e bebidas desde a súa entrada en funcionamento hai preto de tres décadas, un período durante o que esta plataforma científico-tecnolóxica emprazada no campus lugués se ten convertido nun centro de referencia en I+D e innovación no sector lácteo a nivel nacional e internacional.

A profesora da USC Elvira López Mosquera, adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, e Ángel Carballeira, técnico da APLTA, foron os encargados de recoller este galardón no marco da cerimonia dos VI Premios Galicia Alimentación 2020, unha sesión celebrada na compostelá Cidade da Cultura e que serviu de peche ao V Foro Galicia Alimentación, un foro telemático organizado polo Clusaga co gallo da celebración do seu décimo aniversario.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presidiu a entrega de premios, nun acto ao que, entre outros responsables políticos e empresariais, tamén asistiron os conselleiros de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; Medio Rural, José González, e a titular da Consellería do Mar, Rosa Quintana, e durante o que López Mosquera expresou o seu agradecemento por un galardón que “recoñece e valora a traxectoria e o servizo de formación, innovación e transferencia que a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC desenvolve no eido do sector alimentario galego desde fai preto de 30 anos”

A actividade desenvolvida pola APTLA da USC fundaméntase na existencia dun equipo humano multidisciplinar e altamente cualificado e na disposición dunha planta piloto única na Península Ibérica e das máis modernas e completas de Europa, sinalou López Mosquera, ao tempo que salientou que esta infraestrutura científico-tecnolóxica do Campus Terra da USC está a disposición de toda a cadea de valor, desde pequenos produtores e artesáns ata industrias de maior tamaño”.

A adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación subliñou na súa intervención que o premio recibido do Clusaga constitúe un novo acicate para a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC de cara a consolidar o seu labor como centro de referencia na I+D+i especializada no sector alimentario.

A dinamización do sector leiteiro galego, xa a través da achega de solucións que xeren valor engadido, xa a través da creación de produtos innovadores e diferenciados que atendan á demanda dos consumidores, constitúe outro dos retos da APLTA, segundo indicou López Mosquera, que tamén manifestou o interese desta plataforma universitaria científico-tecnolóxica por traballar máis en profundidade cos denominacións de orixe, a fin de potenciar os seus produtos, ademais de por seguir a achegar formación ao tecido empresarial.

Outro dos retos da APLTA pasa por avanzar no redeseño dos procesos da industria alimentaria, en aras a avanzar cara a un tecido industrial máis eficiente no emprego de recursos e máis sostible e respectuoso co medio ambiente, concluíu.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.