Vilalba Aberta levará a Pleno «as deficiencias nas labores de roza en beiravías e cunetas» de competencia municipal

O Grupo Municipal de Vilalba Aberta volve tomar a iniciativa de cara á vindeira sesión ordinaria de Setembro. Fano desta volta, co obxectivo de que o equipo de goberno dea conta diante da veciñanza ao respecto dos criterios, actuacións e calendario dos traballos de roza e limpeza de beiravías e cunetas no conxunto da rede viaria de titularidade municipal

Así, o voceiro municipal da formación, Modesto Renda, interpelará directamente á Alcaldesa en relación cun novo asunto de fundamental importancia para os veciños/as das parroquias, no contexto dun Pleno que, cunha semana de retraso, se celebrará o vindeiro xoves primeiro de Outubro.

Censuran a “evidente falta de planificación” en relación cunha serie de actuacións que, tal e como lembraron hoxe na presentación, “normalmente se viñan desenvolvendo sempre nas mesmas datas, logo do período de crecemento da vexetación e antes da chegada das primeiras chuvias do outono”, e cuxo “deficiente resultado” – denunciaron – fixo que se intensificara o “natural malestar” no conxunto das parroquias do rural vilalbés.

“As labores de roza e limpeza viaria deberan responder a criterios obxectivos ben xustificados e, por suposto, circunscribirse sempre a un calendario e a unhas previsións claras e publicitadas”, apuntou un Modesto Renda, que lamentou especialmente que no Concello de Vilalba “en ningún momento se fixeran públicas”.

“A veciñanza descoñece a data aproximada na que a maquinaria vai actuar na súa contorna e cando actúa, o resultado e, nos mais dos casos, unha completa desfeita”, remarcou o voceiro en relación á necesidade de que o Goberno Municipal dea explicacións ao respecto.

Na mesma liña se pronunciou a súa compañeira de grupo, a tamén edil de Vilalba Aberta, Mº Xosé Fernández,  lembrando que as actuais circunstancias derivadas da pandemia “en ningún caso poden xustificar a deficiente planificación e posterior resultado destes traballos”. Ademais, lembrou, “o feito de que este ano non se celebraran con normalidade as festas nas parroquias – unha prioridade para estas actuacións – non pode ser escusa para que se relaxe a organización duns labores que, cómpre non esquecelo, son tanto ou máis importantes en termos de seguridade viaria que en termos de simple mellora estética”, sentenciou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.