26 de outubro, Día do Dano Cerebral: “reclamamos o apoio das administracións perante a situación causada pola COVID-19”

As asociacións adáptanse á nova situación organizando actividades conmemorativas online, entre as que salientan as lecturas do manifesto, previstas para o luns ás 12:00

Como cada 26 de outubro desde o ano 2007, este luns celébrase o Día do Dano Cerebral, co obxectivo de sensibilizar sobre esta discapacidade que en España afecta a case medio millón de persoas, e en Galicia a máis de 35.000. Como conmemoración, o movemento asociativo do dano cerebral adquirido organiza nesta data diversas actividades con carácter reivindicativo na defensa dos dereitos do colectivo.

Entre as súas principais reivindicacións, as entidades que se agrupan en torno á Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE) volven recordar no seu manifesto conxunto -que se presentará o luns- a necesidade de impulsar unha Estratexia de Atención ao Dano Cerebral que garanta a máxima calidade de vida posible a cada persoa con esta discapacidade, e de elaborar un censo de persoas con Dano Cerebral que axude a dimensionar os recursos precisos para a rehabilitación e inclusión social do colectivo.

A estas demandas súmanselles outras debidas á complicada situación sociosanitaria xerada a raíz da pandemia de COVID-19. As novas ondas de contaxios que estamos a vivir poñen en risco a actividade presencial das entidades de atención ao dano cerebral, un traballo vital para a adecuada rehabilitación das persoas con esta discapacidade. Por iso, o apoio das todas as administracións ás nosas asociacións é agora máis importante e necesario que nunca.

Actos conmemorativos virtuais

FEGADACE e as súas asociacións afrontan o 26 de outubro de 2020 coa prudencia imprescindible nun contexto marcado pola pandemia da COVID-19. Os actos de conmemoración trasládanse ao soporte online, con múltiples actividades en redes sociais.

O manifesto reivindicativo vaise presentar ao final do Almorzo FEDACE sobre ‘Desigualdades territoriais na atención ao Dano Cerebral en España’, que terá lugar o luns ás 11:00. A continuación, desde as 12:00, moitas asociacións teñen previsto facer as súas propias lecturas do manifesto, dando protagonismo a familias e persoas usuarias. ADACECO, Alento, Renacer e Sarela xa anunciaron as súas retransmisións a través das súas webs e redes sociais.

O mesmo luns, as entidades que formamos parte FEDACE imos lanzar un vídeo no que conmemoraremos os 25 anos da Federación estatal amosando como é a nosa casa común, protagonizado por persoas con dano cerebral, profesionais e familiares.

ADACE Lugo estrea tamén o 26 de outubro un vídeo protagonizado polas súas persoas usuarias. Pola súa banda, a Asociación de Dano cerebral de Vigo, Alento, abre as súas portas a través da rede amosando o seu traballo diario. O programa completo pode descargarse aquí.

Ademais, como todos os anos, animamos a subir ás redes sociais fotos coa man na cabeza, co aceno do Día do Dano Cerebral, ao longo da xornada. Pódese seguir a publicación co hashtag #DíaDanoCerebral.

Por último, diferentes edificios e monumentos públicos, como por exemplo as torres Hejduk da Cidade da Cultura, en Santiago, vanse tinxir de azul nas principais cidades na tardiña e noite do 26 de outubro.

28 de outubro e 4 de novembro: continúan as Xornadas sobre o Dano Cerebral

FEGADACE organiza as súas Xornadas sobre o Dano Cerebral en torno ao Día do Dano Cerebral e o Día do Ictus, abordando ‘O dano cerebral e o modelo de atención sociosanitaria. Situación actual e retos inmediatos’. A primeira xornada tivo lugar o mércores 21, e continúan os días 28 de outubro e 4 de novembro. Retransmítense en streaming e a inscrición continúa aberta.

O 28 de outubro o tema será a ‘Situación actual e retos inmediatos do modelo de atención sociosanitaria ao dano cerebral nas fases subaguda e crónica en Galicia’. Falarase do prognóstico, preparación para a alta hospitalaria e dimensión social desta discapacidade con Rosa Mª Martín, médica rehabilitadora do CHUAC; Lourdes Bermello, enfermeira na unidade de Neuroloxía do HULA; Junquera Novo, psicóloga/neuropsicóloga e directora de Sarela; Iria Abel, traballadora social e directora de ADACE Lugo; e Gonzalo Mira, director de Alento.

A última xornada, o día 4 de novembro, revisará ‘O modelo de atención sociosanitaria ao dano cerebral en España: unha comparación entre o nivel estatal e os autonómicos’. Contarase con referentes de distintas procedencias e ámbitos de traballo, sempre dentro do público: a directora do CEADAC, Inmaculada Gómez; o director do CPAP de Bergondo, Francisco Javier Nieto; o coordinador da Oficina de DCA da Comunidade Valenciana e director do Hospital La Pedrera, Jaume Morera; e coa Xefa de Sección de Coordinación Sociosanitaria do Sistema Navarro de Saúde – Osasunbidea, Montserrat de la Fuente Hurtado. Esta xornada vai estar clausurada polo director xeral de Políticas de Discapacidade do Ministerio de Sanidade, Jesús Celada Pérez, acompañado polo presidente de FEGADACE, Luciano Fernández.

E o 29 de outubro, Día do Ictus

O ciclo de actividades de visibilización e sensibilización remata o xoves 29, cando se conmemora o Día do Ictus. O ictus é a principal causa do dano cerebral adquirido, no 78% dos casos, polo que a súa prevención e atención son unha das nosas principais prioridades.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.