29 de outubro, Día do Ictus: continúa a falta de coordinación entre servizos sanitarios e sociais na atención ao dano cerebral

O estudo ‘Coñecemento do diagnóstico e recursos das persoas con dano cerebral’ (cuxas principais conclusións poden descargarse aquí) foi publicado por FEGADACE en 2018 e tiña entre as súas principais conclusións a constatación da falta de coordinación entre os servizos sanitarios e sociais na atención ás persoas con esta discapacidade, causada no 78% dos casos por ictus.

Realizado a través dunha serie de enquisas distribuídas entre persoas que foron ingresadas por ictus nos principais hospitais de Galicia, tamén revelaba que o descoñecemento dos recursos de atención, é dicir, a falta de orientación, foi o principal obstáculo ao que se enfrontaron para acceder a recursos de atención e rehabilitación.

Estes días -do 21 de outubro ao 4 de novembro- a Federación organiza unhas Xornadas sobre o Dano Cerebral Adquirido nas que os e as profesionais convidadas están a analizar o modelo de atención e retos actuais do sistema, e constatan que a situación de descoordinación entre os eidos sanitario e social persiste.

Precisamente, un dos obxectivos das Xornadas, nas que FEGADACE conta coa colaboración da SOGARMEF (Sociedade Galega de Medicina Física e Rehabilitación) e da SGN (Sociedade Galega de Neuroloxía), é recompilar unha serie de conclusións que presentar ás consellerías de Sanidade e de Política Social para subliñar a necesidade de avanzar na coordinación establecendo un Plan Asistencial Integrado de Atención ao Dano Cerebral en Galicia, que garanta a calidade na atención sociosanitaria a esta discapacidade desde o inicio e durante todo o ciclo vital da persoa.

O Manifesto do Día do Dano Cerebral pide apoio pola situación causada pola COVID-19

A conmemoración do Día do Ictus (29 de outubro) segue á do Día do Dano Cerebral (26 de outubro), facendo desta unha semana de crucial importancia para o movemento asociativo desta discapacidade. O luns sucedéronse os actos conmemorativos, dos que o principal foron as lecturas do manifesto reivindicativo a través de redes -a maioría de actividades trasladáronse ao virtual por causa da pandemia-.

O manifesto (pode lerse aquí), publicado pola Federación estatal e subscrito por FEGADACE e as asociacións galegas, reclama especial apoio da administración pola situación causada polo coronavirus, reclamando que se teñan en conta as necesidades das persoas con dano cerebral de maneira integral, sen limitarse á prevención de contaxios por COVID-19. O peche dos centros derivado do confinamento foi fatal para a poboación con dano cerebral, provocando serios retrocesos e un deterioro de capacidades xeneralizado no colectivo.

Ademais, o movemento asociativo continúa reclamando unha Estratexia de Atención ao Dano Cerebral; que se cree a categoría diagnóstica ‘dano cerebral’ para aplicar na alta hospitalaria; que se realice un censo de persoas con dano cerebral para poder asignar correctamente os recursos de atención; que se inclúa á familia como parte beneficiaria do proceso de atención; e que se contemplen as necesidades específicas de grupos de especial vulnerabilidade.

Ictus en Galicia

En Galicia prodúcense máis de 6.000 casos de ictus ao ano, e calcúlase que hai unas 35.000 persoas con dano cerebral adquirido en Galicia; o 78% delas, tras un ictus. Os datos cos que contamos son incompletos e están desactualizados (recolléronse en 2010-2012); de aí as reivindicacións do manifesto, pero describen un panorama de enorme presenza de discapacidade adquirida por causa de ictus, coa maior parte da poboación sen acceso a recursos específicos de atención e rehabilitación.

Síntomas de alarma: identificación do ictus

Cando se produce un ictus é fundamental actuar rapidamente. Os avances en Neuroloxía permiten minimizar as súas secuelas se a intervención se produce nas primeiras tres horas pero, canto máis se tarda en aplicar o tratamento, máis risco hai de que esas secuelas permanezan coa persoa, provocándolle un dano cerebral adquirido.

A clave para unha rápida intervención é o coñecemento e identificación dos síntomas de alarma do ictus, que se resumen nos 3F, e poñerse en contacto inmediato cos servizos de emerxencias (112) ou urxencias médicas (061):

  • Fala. Non é capaz de dicir correctamente palabras simples
  • Forza. Non pode ter os dous brazos elevados á mesma altura mentres conta ata 10
  • Faciana. Non mostra todos os dentes ao sorrir

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.