A Deputación da Coruña apoia as reivindicacións dos traballadores de Siemens-Gamesa nas Somozas e Alu Ibérica na Coruña

O pleno aproba dúas declaracións institucionais demandando á Xunta de Galicia e ao Goberno central que garantan a viabilidade da planta das Somozas e apoiando as reivindicacións dos traballadores de Alu Ibérica ante ante os reiterados incumprimentos do Grupo Riesgo

A Deputación da Coruña insta á Xunta de Galicia e ao Goberno Central a tomar as medidas necesarias que permitan a continuidade da actividade na pranta de ‘Siemens-Gamesa’ no Concello de As Somozas.

O pleno da Deputación aprobou hoxe unha declaración institucional, apoiada por  todos os grupos políticos, amosando o seu apoio total aos traballadores da planta nas súas reivindicacións para manter os seus postos de traballo e demandando á administración autonómica e ao goberno estatal a que se impliquen nesta problemática, aproveitando as oportunidades que ofrecen os plans de Transición Enerxética da Unión Europea.

O acordo plenario chega 10 días despois de que o presidente, Valentín González Formoso, se reunira cos respresentantes do comité de empresa da factoría das Somozas para trasladarlles o seu apoio e anunciarlles que a Deputación levaría o tema a pleno para plasmar o seu firme apoio institucional  ás demandas dos traballadores, nun tema que afecta a 300 empregos na comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

O texto reflicte a preocupación “profunda preocupación trasladada polo Comité de Empresa ante o incerto futuro da planta”. Os traballadores temen unha posible deslocalización da empresa cara Portugal xa que “no pasado mes de xaneiro Siemens-Gamesa fixo efectiva a compra dunha fábrica de palas en Vagos (Portugal), onde está a realizar un gran investimento, apostando por poñer novos modelos de palas a pesar de que no mes de outubro do ano pasado foi a propia empresa a que comunicou ós traballadores que existían serias posibilidades de que o sinalado modelo se implantara na planta das Somozas, se ben, a día de hoxe o certo é que onde está en funcionamento é na nova infraestrutura portuguesa”.

Ademais, na moción tamén se sinala que en xullo “o Director de Operación de Palas comunicou que unicamente estaba asegurada carga de traballo ata finais do presente ano 2020 e que, ata o de agora, non se contemplaba ningún investimento na planta das Somozas”.

O pleno da Deputación respalda tamén a necesidade exposta polo Comité de Empresa de “crear unha mesa de traballo para estudar a viabilidade da planta na que participen, tanto a parte empresarial, como o Comité e a administración local e autonómica”.

Apoio ás reivindicacións dos traballadores de Alu Ibérica

O pleno aprobou tamén outra declaración institucional de apoio ás demandas dos traballadores de Alu Ibérica, a antiga Alcoa, na Coruña.

No texto solicítase ao Ministerio de Industria que cumpra o seu compromiso de auditar a situación económica e fiscal da planta e instase á Xunta de Galicia e Goberno central a auditar o proceso de traspaso de Alcoa ao fondo suizo Parter e, posteriormente, ao Grupo Industrial Riesgo “de forma que se determine se as operacións de traspaso vulneraron os acordos acadados”.

Finalmente, plásmase o apoio expreso da Deputación da Coruña aos traballadores “ante os reiterados incumprimentos por parte do Grupo Riesgo das súas obrigas en materia de emprego e produtividade”, así como á “intervención temporal desta fábrica por parte do Estado”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.