A Deputación da Coruña destina 12,5 millóns de euros para apoiar aos autónomos e microempresas afectadas pola Covid

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Rioboo, presentaron esta mañá as principais novidades do programa PEL-Reactiva, unha nova liña do Plan de Emprego Local (PEL) que repartirá 12,5 millóns de euros entre os autónomos e microempresas da provincia para paliar a crise xerada pola Covid-19.

Finalizado o prazo de adhesión por parte dos concellos, sumáronse ao PEL-Reactiva 88 dos 90 municipios da provincia con menos de 50.000 habitantes. Todos agás Dodro e Coirós, que non puideron unirse por cuestións alleas ao plan. Agora serán os concellos os que pasen a canalizar todas as solicitudes para os 12,5 millóns de euros do programa.

“Estamos ante o plan máis ambicioso presentado en Galicia para axudar aos autónomos a facer fronte ás consecuencias económicas orixinada pola COVID-19 “, afirmou Valentín González Formoso, que quixo agradecer a “importante colaboración dos concellos no plan, xa que a Deputación aporta o 80% da financiación e son as administracións locais as que completaran os seus propios fondos co 20% restante”.

González Formoso defendeu a creación de emprego como “o eixo principal de todas as políticas do goberno provincial” e explicou que, debido á pandemia, houbo un importante traballo de reorganización orzamentaria, reducindo liñas de outros departamentos para dotar de fondos a un plan que pretende ser “un apoio masivo” e “necesario” para os autónomos e as pequenas empresas da provincia.

“Con esta nova liña do PEL, o investimento en emprego da Deputación superará os 23 millóns este ano”, afirmou o presidente. Trátase do maior investimento da historia da Deputación en materia de creación de emprego, con distintas liñas de apoio a concellos, pemes, emprendedores e profesionais autónomos.

Pola súa banda, o vicepresidente, Xosé Regueira, incidiu tamén “na capacidade de adaptarnos á realidade, renunciando a algunhas apostas políticas que tiñamos proxectado para este ano”, pero “mantendo todas as liñas que supoñen creación de emprego e o nivel de investimentos nos concellos”.

Regueira afirmou que as axudas “chegan no momento oportuno” porque “aínda que algúns pensaban que estaban tardando, prevese que o final deste ano e o inicio de 2021 van ser complicados, por desgraza”.

O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo incidiu en que o investimento da Deputación “pasou de 1 a 23 millóns de euros en só cinco anos” e considerou “un éxito” que 88 dos 90 concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes solicitaran participar no PEL-Reactiva.

Rioboo explicou que na seguinte fase serán os autónomos/as e microempresas os que deben solicitar as axudas, que se tramitarán a través dos concellos e que oscilarán entre os 1.500 euros para traballadores por conta propia sen traballadores ao seu cargo e os  e os 3.000 euros aos que poden optar as empresas de entre 6 e 9 traballadores. As axudas serán compatibles con outras prestacións municipais, polo que augurou “unha avalancha de solicitudes”.

Poderán acollerse ás axudas do PEL Reactiva os autónomos e microempresas que se viran afectadas polo peche durante o estado de alarma, así coma aquelas que viran reducida a súa facturación en máis dun 75% ou se acolleran a un ERTE.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.