A Deputación de Pontevedra súmase este sábado ao Día Internacional para a Erradicación da Pobreza

Reivindicando o fin da fame, das desigualdades e da pobreza así como a promoción da saúde e do benestar. Trátase dunha nova iniciativa que se enmarca na campaña #ObxectivoPontevedraProvincia, aliñada no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que conforman a Axenda 2030 da ONU. En concreto, a erradicación da pobreza fíxase nos ODS 1, 2, 3 e 10, e constitúe “unha prioridade absoluta” para a folla de ruta do goberno provincial que, para elo, impulsa liñas de subvencións, convenios, axudas de emerxencia, proxectos, cursos e actividades para rachar con esta situación e sensibilizar á poboación.

Entre outros programas xa previstos, na liña de rachar coa pobreza, coa fame e coas desigualdades, a institución provincial vai celebrar en novembro por terceiro ano consecutivo en colaboración coa Coordinadora Galega de ONGD, o ciclo “Defensoras de dereitos” no marco dos “Días Europeos da Solidariedade Local” que impulsa a FEMP e a Rede Europea de Gobernos Locais e Rexionais para o Desenvolvemento. Trátase dunha iniciativa que pretende visibilizar o papel que desenvolven as mulleres mesoamericanas (México, O Salvador, Guatemala, Honduras e Nicaragua) ligadas a IMDefensoras (Iniciativa Mesoamericana de Mulleres Defensoras de Dereitos Humanos) na defensa e loita polos dereitos humanos. En concreto, a través deste proxecto vaise traballar na defensa dos dereitos humanos e na promoción do desenvolvemento humano sostible organizando unha exposición adaptada para escaparates do pequeno comercio da provincia, así como charlas e encontros online  e contos coas historias das mulleres activistas.

Co mesmo obxectivo de erradicar a pobreza, a Deputación de Pontevedra ten en marcha o convenio de colaboración con UNICEF que este ano está destinado ao subministro de equipamentos para facer fronte á covid-19 e garantir servizos básicos como auga, saneamento, hixiene e saúde para as nenas e nenos de Senegal.

Amais, neste 2020 a Deputación de Pontevedra está a destinar máis de medio millón de euros a entidades sociais e concellos da provincia para que poidan poñer en marcha proxectos encamiñados a mellorar a calidade de vida da súa veciñanza e a paliar situacións de emerxencia, achegando recursos extraordinarios para dar resposta, entre outras cuestións, ás necesidades derivadas da pandemia da Covid19, demandas de alimentos ou de produtos farmacéuticos e/ou de hixiene.  Tamén, a institución provincial vén de clausurar a cuarta edición dos cursos de español para persoas inmigrantes, encamiñados a facilitar que poidan superar a proba DELE A2, indispensable para solicitar a nacionalidade española e conseguir a plena integración como cidadanía de pleno dereito.

A Deputación promove a campaña #ObxectivoPontevedraProvincia que neste mes de outubro céntrase nas “Alianzas para acadar os obxectivos”. Deste xeito, ao longo do mes a institución remarca o seu empeño para aliñar as políticas públicas de toda a provincia nesta axenda institucional celebrando días internacionais como o de hoxe, de Erradicación da Pobreza, pero tamén mañá co Día Mundial de Protección da Natureza (18 de outubro) e as seguintes semanas co Día das Escritoras (19 de outubro), o Día Mundial do Aforro de Enerxía (21 de outubro), os días das Nacións Unidas, da Información sobre o Desenvolvemento e contra o Cambio Climático (24 de outubro) e os días mundiais das Cidades e do Aforro (31 de outubro).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.