A Deputación licita por 333.552 euros a construción dunha rotonda na DP-1703 para mellorar as conexións dos polígonos de Espíritu Santo e Bergondo

 A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado o anuncio de licitación das obras de construción dunha nova rotonda que regulará o cruce da estrada provincial DP-1703 de Espíritu Santo a Frais e a autonómica AC-24  de Guísamo a Sigrás. As obras contan cun orzamento de 333.552 euros.

Na actualidade, a intersección resólvese cun cruce en forma de T, que soporta un volume moi elevado de tráfico, e especialmente de vehículos pesados, xa que se trata dun vial que empregan numerosos traballadores dos polígonos industriais de Espíritu Santo e Bergondo. Así mesmo, a DP-1703 tamén conecta coa estrada N-VI, funcionando coma eixo transversal de conexión entre os concellos de Bergondo, Cambre e Culleredo. Por este motivo, a intersección actual resulta especialmente conflitiva e incluso perigosa cando conflúen varios vehículos.

A nova rotonda situarase no punto quilométrico 2+500, á altura do lugar de Frais, terá un diámetro exterior de 36 metros e contará con dous carrís de circulación. Deste modo, reordenarase a circulación no cruce, eliminando o punto conflitivo e aumentando a capacidade da vía.

O prazo de execución dos traballos estímase en catro meses a partir do seu inicio e o proxecto encargado polo departamento de Vías e Obras da Deputación determina que todas as actuacións se efectuarán sen necesidade de desvíos provisionais do tráfico.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.