A Educación Social, profesión esencial no tratamento das adiccións

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) e a Universidade da Coruña organizan un encontro profesional para dar a coñecer experiencias e boas prácticas

Profesionais da Educación Social e outras disciplinas que teñen un papel relevante na atención e prevención de adiccións celebran un encontro mañá venres 23 de outubro na Coruña, no que se exporán diferentes experiencias que se levan a cabo en Galicia. A parte de dar a coñecer e poñer en valor estes proxectos, este espazo quere contribuír a crear ou fortalecer redes entre as entidades que traballan neste eido na nosa comunidade, reflexionar sobre posibles carencias e achegar melloras na atención á cidadanía afectada por algún tipo de adicción.

O encontro está organizado polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e pola Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. Participarán no acto de apertura D. Alfonso Tembrás como representante do grupo de traballo Miolo (Ceesg), o Decano da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, D. Manuel Peralbo, e a Concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña, Dna. Yoya Neira.

Debido ás circunstancias actuais, a gran maioría das persoas participantes farano de xeito virtual, manténdose a celebración presencial con aforo reducido e outras medidas de prevención.

Educación Social e adiccións

A Educación Social é unha profesión cun importante papel e traxectoria no ámbito das adiccións, se ben o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia leva tempo reclamando á Xunta de Galicia, entre outras cuestións, que normalice a súa contratación e contemple a súa categoría profesional no Sergas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.