A Praza do Concello acolle a presentación do volume ‘Triacastela, Refugio Real’

A alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, presidiu hoxe a presentación do volume ‘Triacastela, Refugio Real’, financiado con cargo ao Plan Único do ano 2020 da Deputación Provincial de Lugo.

No acto, que se celebrou na Praza do Concello, participaron tamén o autor do libro, José M. Salgado, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz.

O libro, profusamente ilustrado, percorre a historia do  Concello desde a prehistoria, indaga nas súas descoñecidas orixes e mostra a variada oferta cultural e turística que ofrece.

O resultado é unha obra que presenta un completo relato da Historia e do patrimonio cultural, histórico-artístico e humano do municipio de Triacastela.

O traballo recompila e apóiase na información de investigacións previas, pero achega novos datos históricos, como, por exemplo, a coexistencia de dous  concellos durante a Idade Media, un na parroquia de  Vilavella (que é a Triacastela que menciona o  Códice  Calixtino) e outro na Puebla de Triacastela (a actual capital, fundada por Alfonso IX).

A edición, moi coidada, inclúe un cento de páxinas e máis de 150 fotografías. Imprimíronse 1.000 exemplares.

O Goberno local ten previsto entregar un exemplar por domicilio de aquí a finais de ano, ademais de pasar a formar parte dos agasallos institucionais cos que conta o Concello.

Intervención da rexedora

A rexedora explicou na súa intervención que “o volume condensa e sintetiza o coñecemento, en diversos campos, que temos actualmente sobre o noso Concello. Non o esgota en absoluto, senón que máis ben é unha invitación necesaria, tanto para os propios veciños e veciñas de Triacastela, como para investigadores de diversos ámbitos académicos, a proseguir na procura de todo aquilo que esta terra e os seus veciños achegamos á Historia e Cultura de Galicia e, moi especialmente, a ese fenómeno transcendental para a identidade europea que é a peregrinación a Compostela”.

O autor

José M. Salgado (A Coruña, 1968), xornalista e fotógrafo, cunha longa experiencia editorial moi relacionada co patrimonio cultural e o Camiño de Santiago, é membro da Asociación de Xornalistas e  Estudosos  do  Camiño de Santiago ( APECSA), é autor e ilustrador de numerosos libros.

Tras a presentación do libro houbo un concerto do grupo A Quenlla promovido polo Xacobeo 2021 e a Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés en colaboración co Concello de Triacastela.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.