Alternativa de Bergondo solicita a extensión da banda larga de internet a todo o concello

Alternativa dos Veciños de Bergondo solicita á Xunta de Galicia e á Administración Xeral do Estado que avancen no despregamento da fibra por todo o muninipio

Dentro do conxunto de debilidades que se teñen posto de manifesto durante o actual contexto covid-19 destaca a “insuficiente capacidade e alcance do acceso rápido e de calidade a internet por parte dunha poboación que tivo e ten que seguir traballando ou estudando”. “O problema principal que se nos ten amosado durante estes meses é a palpable desigualdade existente neste aspecto entre diferentes capas da sociedade ou ámbitos territoriais, basicamente no que atinxe a se son estes máis urbanos ou máis rurais. Como é obvio Bergondo non resulta alleo a esta cuestión e os problemas que nos incumben son, no fundamental, os mesmos que os do resto de Galicia”, declaran dende Alternativa

“Certo é que dende 2017, como froito da colaboración entre Xunta de Galicia, Goberno do Estado e UE (a través de fondos FEADER), véñense desenvolvendo varios plans de extensión de redes de banda larga de acceso ultrarrápido a internet. De feito son un bo número de núcleos de Bergondo os que xa dispoñen deste servizo ou o van ter como moi tarde ao finalizar o vindeiro ano 2021. Mais, con todo, aínda quedan moitos núcleos de poboación no noso concello que non están incluídos en ningún plan actualmente en desenvolvemento. Cónstanos que se estaría en fase de licitación dalgún novo paquete que inclúe xa algúns deses núcleos, pero non coñecemos avances recentes nese sentido. Exemplos de zonas alleas aínda a este novo servizo serían gran parte da parroquia de Lubre, San Cidre, varios na parroquia de Guísamo (entre eles A Brea, principal arteria urbana do noso concello) Peteiro, Babío… entre outros. En todos e cada un deles a cidadanía demanda poder acceder á fibra en igualdade de condicións que o resto da poboación”.

En definitiva, Alternativa dos Veciños demanda das administracións e organismos implicados nesta cuestión que “pisen o acelerador” na planificación e desenvolvemento de novos plans de despregamento de banda larga de internet no noso concello. “O ritmo antes da crise covid era un, a urxencia agora debe ser outra. O notable aumento do teletraballo ou o estudo a distancia requiren instrumentos mellorados que cheguen a todas as capas de poboación o antes posible. A necesidade xa estaba aí, o covid púxoa máis de manifesto” rematan.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.