Arias afirma que “os máis de dous anos de parálise demostran que o Goberno central non ten intención real de avanzar na nova comisaría de Lugo”

O delegado territorial explica que non se pode sacrificar unha residencia de maiores “que estará entre as mellores de Europa” por un posible proxecto sen visos de materializarse

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, considera sorprendente que a subdelegada do goberno se interese agora pola posible construción da nova comisaría na cidade logo de “máis de dous anos de parálise, nos que só atopamos reticencia a impulsar calquera avance por parte do Goberno central”.

Arias instou á subdelegada a aclarar diante da cidadanía e dos propios axentes da Policía Nacional “cales foron os pasos dados polo Ministerio de Interior para que a nova comisaría fora unha realidade”, porque ata o día de hoxe “demostraron nulo interese e ningunha vontade de levar a cabo esta obra”.

O delegado explicou que “non podemos seguir agardando sine die polo Goberno do Estado, resulta imposible dispoñer da nova comisaría nun prazo de tempo razoable e non podemos sacrificar tamén o proxecto da residencia de maiores que propón a Fundación Amancio Ortega”.

Neste sentido, Arias lembrou que a Fundación segue un modelo para este tipo de edificacións que limita a altura a dúas plantas por cuestións de accesibilidade e funcionalidade, o que se compensa con amplos espazos en horizontal ademais de zonas axardinadas no exterior. “Non podemos renunciar a ter un centro de maiores que estará á altura dos mellores de Europa por unha suposta comisaría que non acaba de ter visos de materializarse”.

En todo caso, engadiu, “cando o Goberno central amose unha intención real de acometer a obra, a Xunta estará á súa disposición para colaborar en canto sexa preciso para que a cidade dispoña desta infraestrutura”. Ata o momento, concluíu, “levamos sempre a iniciativa na recuperación do barrio da Residencia, pero a comisaría é competencia do Estado e en ningún momento demostraron a máis mínima implicación”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.