As axudas da Xunta ao sector da hostalería para o ocio nocturno suporán 6,8 millóns de euros de investimento

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha reunión con Cheché Real e outros representantes da APEHL e indicou que hoxe mesmo se publica a convocatoria para solicitar achegas directas de ata 20.000 euros para alugueiros

A Xunta de Galicia ten en marcha un Plan de Reactivación  para axudar a paliar os efectos económicos da pandemia nos establecementos de hostalería dedicados ao ocio nocturno, que son os únicos que permanecen totalmente pechados como consecuencia directa das restricións sanitarias. Contempla distintos programas de apoio que suman investimentos por importe global de 6,8 millóns de euros.

Así llo trasladou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, aos representantes da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo (APEHL), nunha xuntanza á que asistiron o presidente da entidade, Cheché Real; o vicepresidente, José Manuel Cela, e o secretario, Jacobo García-Bobadilla.

Arias indicou que a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo publica hoxe mesmo no DOG a convocatoria para solicitar axudas directas de ata 20.000 euros para sufragar os gastos de alugueiro dos locais de ocio nocturno.

As solicitudes poden formularse a partir de mañá na sede electrónica da Xunta de Galicia. Están dirixidas aos negocios pechados desde o pasado 15 de agosto –agás as terrazas- tras a decisión adoptada para o conxunto de España polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas, co obxectivo de conter o virus. Trátase das discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores. A convocatoria está dotada cun orzamento de 2,2 millóns de euros; as axudas son de concorrencia non competitiva  e compatibles con outras para o mesmo fin.

Ademais, no marco do Plan de Reactivación, o Goberno galego convocará axudas por 600.000 euros nos establecementos habilitados como salas de concertos, salas de espectáculos ou cafés-concerto, que o ano pasado levaran a cabo un mínimo de 15 concertos. En concreto, sufragarán o 80% dos gastos de proxectos cun importe superior aos 25.000 euros.

Tamén se habilitarán outras dúas liñas de achegas dentro de plans transversais da Xunta, que inclúen tanto axudas de 4 millóns de euros destinados ao mantemento do emprego no sector, como apoio financeiro a través da concesión de préstamos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.