As zonas verdes serán as protagonistas no proxecto das Percebeiras

Das 371 vivendas que se construirán, 148 serán de protección oficial

O proxecto urbanístico das Percebeiras reservará un espazo de 22.827 metros cadrados dos 43.941 totais a zonas verdes e de lecer para a cidadanía, unha extensión que equivalerá a dous parques Europa e que suporá a metade da superficie do Plan especial de Labañou PE M18. Villoslada sinalou que ofrecerá unha nova fachada, onde a cidade mirará ao mar dun xeito máis amable e harmónico, despois de que se reducise o número de vivendas. Finalmente serán 371, distribuídas en doce bloques situados entre o Paseo Marítimo e a avenida de Labañou, das que un 40%, en concreto, 148 pisos, serán de protección oficial. Así o confirmou hoxe na celebración do Pleno, onde defendeu que tres cuartas partes do proxecto serán de uso público entre as zonas verdes, viarios e equipamentos para a veciñanza. O edil manifestou a intención do Goberno local de promover ata 1.400 vivendas de protección oficial situadas en ámbitos consolidados.

Por outra parte, o conxunto urbanístico permitirá a conexión coas vivendas de María Pita e o centro Padre Rubinos a través dun viario que ordenará o perímetro e facilitará o fluxo de tráfico. Ademais, os bloques terán baixos comerciais para lles daren servizo ás persoas residentes nesa idea de non illar Labañou e promover a vida no barrio que se reforzará coa creación de equipamentos e espazos públicos. Desta forma, tratarase de impulsar o pequeno comercio e as relacións cidadás. O plan incluirá tamén un aparcadoiro público cun total de 358 prazas co obxectivo de responder a unha demanda das e dos veciños sobre a dificultade á hora de atopar sitio onde aparcaren os seus vehículos.

O concelleiro de Urbanismo recordou no Pleno que o plan se atopa aínda no inicio do trámite ambiental coa Xunta de Galicia e que, en todo caso, pasou por diferentes etapas, “etapas en que todos os partidos políticos que estamos aquí tivemos ocasión de gobernar ou cogobernar”. O edil dirixiuse a Marea Atlántica para lle cuestionar por que non modificou o proxecto ante estas “soflamas urbanísticas” que proclamou na sesión plenaria e lembrou que tampouco lle consta ningunha modificación do planeamento para levar adiante actuacións de protección do bordo litoral como a que se está a iniciar neste mandato fronte á ría do Burgo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.