Ciencias da Educación e do Deporte e un curso de Publicidade e RRPP pasan temporalmente á docencia virtual tras a detección de positivos

DUVI PONTEVEDRA. Todas as titulacións da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e o cuarto curso do grao en Publicidade e Relacións Públicas, que se imparte na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, ambas no campus de Pontevedra, pasarán temporalmente a impartir a súa docencia de xeito virtual tras a detección de positivos nos test serolóxicos realizados ao alumnado. Esta decisión, recollida nunha resolución reitoral, parte da proposta realizada polo Comité de asesoramento sobre a covid-19 nomeada polo Consello de Goberno tras confirmarse a existencia de positivos, que teñen que ser reconfirmados a través de probas PCR, nos resultados das primeiras probas serolóxicas subministradas pola Consellería de Sanidade, que nestes días se están a realizar ao alumnado dos tres campus.

Segundo recolle o comunicado emitido pola Reitoría nas últimas horas, adoptouse esta decisión “baseándose un principio de prudencia” e por un “tempo limitado”, naqueles casos nos que se rexistrou “unha acumulación de casos non confirmados”. A resolución reitoral establece o paso a docencia en liña ata o martes 27, incluído este día, de todas as titulacións da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, un centro que conta con preto de 1500 alumnos e que neste curso está a desenvolver un modelo de docencia mixta, polo que as clases teóricas impártense de xeito virtual mentres que nas prácticas combínase a docencia virtual coa presencialidade rotatoria. No caso do cuarto curso do grao en Publicidade e Relacións Públicas, titulación que se imparte cunha modalidade parcialmente presencial, a resolución reitoral acorda o pase á docencia en liña ata o venres 30 de outubro.

A situación avaliarase de novo cos resultados das PCR

Segundo precisa o comunicado da Reitoría, esta “decisión preventiva” non implica o peche dos centros e avaliarase de novo nos próximos días, “unha vez que dispoñamos dos resultados das PCR que se van realizar a todos os posibles positivos”. Deste xeito, “entra dentro do posible” a volta á situación docente anterior, así como a ampliación do período de docencia virtual.

Trátase, como sinala o comunicado da Reitoría, da “primeira decisión de cambio” nas modalidades docentes establecidas para o presente curso, aínda que, “desgraciadamente, a evolución da pandemia parece indicar que non será a única neste curso”. Nese senso, a Reitoría subliña que “a comunidade universitaria preparouse adecuadamente” para este cambio, polo que “estamos seguros que os decanatos e direccións dos centros afectados tomarán as medias que teñen planificadas para que a actividade docente siga adiante coa menor incidencia posible”, continuando coa docencia a través de Campus Remoto.

Continúan os tests serolóxicos

Nos próximos días continuarán realizándose nos tres campus as probas serolóxicas, para as que a Consellería de Sanidade enviou á Universidade preto de 15.000 tests. Unha vez rematado un operativo que, como sinala o comunicado “vén a complementar a estratexia definida desde o goberno da Universidade, baseada na realización de tests aleatorios PCR mediante saliva”, a institución académica continuará coa realización de probas a través deste sistema de pooling PRC en saliva de xeito semanal, “intentando actuar naqueles sitios que se consideren máis axeitados”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.