Deseñan un método para estimar as camas necesarias pola COVID-19 nas unidades de coidados intensivos

Na resposta sanitaria á pandemia provocada polo coronavirus, un dos maiores problemas foi e é a xestión das unidades de coidados intensivos (UCIs) dos hospitais. Atendendo a esta situación, investigadores da USC, UVigo e do Sergas deseñaron un método para determinar con antelación as camas necesarias pola COVID-19 nestas unidades.

O traballo asinado polo catedrático de Análise Matemática da USC, Juan José Nieto, Iván Area da UVigo, xunto a Xurxo Hervada e María Jesús Purriños do Sergas, acaba de ser publicado na revista Alexandria Engineering Journal baixo o título “Determination in Galicia of the required beds at intensive care units”. O punto de partida para o deseño do método desenvolvido “foi a estimación inicial do comportamento da onda usando modelos compartimentais”, tal e como apuntan os autores. Unha vez obtida esta previsión, detallan, realizouse unha estimación de camas en base a unha porcentaxe dos datos acumulados dos 15 días previos á data de interese. “É algo obvio: o número de persoas que ingresan na UCI depende dos casos dos días previos”, apuntan os investigadores. Unha vez disposta esta ferramenta, engaden, “a vantaxe de ter unha estimación do número de casos diarios moi aproximada permitiu ter estimacións bastante próximas á realidade do número de camas de UCI necesarias”.

A xestión das camas de UCIs, sinalan os investigadores, é “un problema de enorme complexidade e repercusión”, lembrando como “o custe de cada cama é de máis de 1000 euros diarios”, o que supón “unha enorme repercusión económica”. Ao tempo, engaden, “un número insuficiente de camas implica a non dispoñibilidade de camas de UCI para persoas coa COVID-19 ou doutras doenzas”. Por este motivo recalcan “a importancia de coñecer de antemán as necesidades de recursos en camas UCI, xa que non se pode improvisar, pois son camas que requiren parataxe moi específico anexo, como por exemplo respiradores ou monitores, e recursos humanos formados no seu uso, ademais do espazo físico necesario, moi superior a unha cama normal”. “Ou se prepara de antemán ou se fracasa en cubrir a demanda”, subliñan respecto a esta cuestión.

Liña de continuidade

Ademais de idear este procedemento para poder ter con antelación unha estimación do número de camas de UCI necesarias, Juan José Nieto e Iván Area forman parte do grupo de investigadores que adiantou como sería a expansión da pandemia da COVID-19 en Galicia ao seu inicio. Baseándose na análise dos datos de Wuhan, o grupo integrado por Nieto, Area, así como Delfim Torres e Faiçal Ndaïrou, os dous últimos da Universidade de Aveiro, realizou unha serie de simulacións que situaban o máximo número de casos da pandemia arredor do 5 de abril. “Esa predición, con máis dun mes de antelación comprobouse certa no seu día”, apuntan. A análise, baseada nun modelo matemático, engaden, “foi central para poder anticipar o número de camas necesarias”.

Juan José Nieto é catedrático de Análise Matemática da USC
Juan José Nieto é catedrático de Análise Matemática da USC

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.