Día Internacional da Educación Social

O Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales (CGCEES) escolleu o lema ‘La Educación Social es Esencial‘ e fixo público un manifesto no que salienta o importante papel que as e os profesionais da Educación Social teñen demostrado no actual contexto e nos peores momentos da pandemia, en situación precaria -ao igual que outras/os profesionais-, sen recoñecemento nin visibilidade. Reclama a regulación das profesións sociais como garante de calidade, profesionalidade e cumprimento dos dereitos da cidadanía, apelando ao compromiso das universidades e ao apoio político. Así mesmo, destácase no manifesto a necesidade de impulsar e aprobar unha Lei que regule o exercicio do dereito á Educación Social. (Manifesto completo anexo en castelán)
Tamén con motivo deste día, o CGCEES organiza un webinar dirixido a profesionais no que se abordará a precariedade no traballo con infancia e adolescencia, e anima a participar nas redes sociais para facer visibles as contribucións da profesión de Educación Social á mellora do benestar das persoas e como dereito da cidadanía, baixo a etiqueta #EdusoDay2020.
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg), pola súa parte, levará a cabo unha actividade que se estenderá todo o mes de outubro, denominada #EdusoMes, a través da cal irán desvelando en redes sociais e na súa páxina web, diferentes vídeos realizados por educadoras e educadores sociais que compartirán o seu testemuño falando da súa experiencia, dos retos da profesión neste momento, das oportunidades, e do valor da Educación Social. Tamén se irán publicando os resumos dos últimos traballos premiados no Concurso TFG.eduso, que se compilarán nun libro que estará dispoñible a partir do 30 de outubro. O Concurso TFG.eduso, organizado polo propio Ceesg, premia os mellores traballos de fin de grao presentados nas Universidades galegas no título de grao de Educación Social.