Elena Candia. “Os Orzamentos do Goberno para a provincia de Lugo, recortan inversións necesarias e estratéxicas”

A presidenta provincial, Elena Candia, e o vicesecretario de Participación do PP, Jaime De Olano, expresaron este sábado o malestar da formación popular polos Orzamentos do Goberno para a provincia, engadindo que “estamos pagando os pactos do Partido Socialista”. Neste senso, sinalou que “os ingresos son a costa de subir os impostos” e súmase ás protestas dos autónomos a este respecto.

“Os lucenses son os prexudicados destes pactos, que se ven cun Executivo que custa o dobre e lles recortan inversións necesarias e estratéxicas. Son un exemplo de que o PSOE secuestra as institucións ao seu servizo”, remarcaç

A dirixente dos populares expresaba así o seu descontento coas contas presentadas polo Executivo de Sánchez, explicando que “sacrifica os proxectos que tiña proxectados”. E é que o só contemplan o remate da A-54. Polo que respecta, á da Mariña (A-74), fronte aos 3,6 millóns consignados en 2018 polo Partido Popular, o Goberno actual aplica unha redución do 87 %, ao incluír só 400.000 euros. “Está comprometida dende hai 20 anos. No Goberno do Partido Popular deixouse todo encamiñado para rematala no menor tempo posible. Con semellante recorte, nin en 2021 nin nos anos vindeiros”, lamentou a popular.

Elena Candia fixo especial fincapé nesta infraestrutura, pois a súa parálise contribuirá a que a comarca continúe “esmorecendo”. Concretamente, A Mariña non chega ao millón de euros e o ministerio de Transición Ecolóxica tan só destina 430.000 euros para actuación nesta zona que xa acusa unha gran incerteza debido á situación de Alcoa. Ademais, tampouco se contempla ningunha partida para solucionar os problemas da A-8. En 2018, o Estado destinaba 5,4 millóns a esta actuación.

O mesmo acontece coa a A-56, fronte aos 10,8 millóns de 2018, en 2021 só figura unha partida de 450.000 euros; o que supón unha redución do 96%. No caso da A-76, o investimento é dúas veces menor: 100.000 euros en 2021, fronte aos 336.000 de 2018.

Ferrocarril

Logo do anuncio dos 99 millóns, dende o PP agardan que sirva para que se cumpran os prazos da chegada da Alta Velocidade á provincia e que non se sigan recortando servizos nesta prestación, como se fixo dende que se decretou o estado de alarma; tema que os senadores levaron á Cámara Alta en diversas ocasións, xa que a estación de Monforte de Lemos é a grande prexudicada por este “tixeiretazo”.

“Nada lle debemos ao PSOE”

Para a popular queda claro que os Orzamentos do vindeiro exercicio “respostan a un pago de favores a outras comunidades que lle deron o apoio a Sánchez para poder gobernar” e que “o papel dos representantes socialistas da provincia en Madrid queda moi limitado”. “Non souberon estar á altura, xa que non foron quen de defender as necesidades de Lugo. Dende logo, os lucenses e a provincia nada lle debemos ao PSOE de Madrid, de Galicia e de Lugo, xa que non só nos quitan, senón que nos suben os impostos”, sentenciou.

Por este motivo, pide “aos alcaldes socialistas e o BNG -que son os grandes colaboradores de Sánchez-, que se sumen con nós para corrixir estas contas, xa que son manifestamente peores que as de 2018”. A popular adiantou así que presentarán mocións nas respectivas entidades locais co mesmo fin.

Cumprimento das restricións

Elena Candia e Jaime De Olano fixeron estas valoracións no marco dunha reunión atípica, debido ás restricións aplicadas á cidade de Lugo por mor da evolución da covid-19. A presidenta e o vicesecretario de Participación elixiron o municipio de Outeiro de Rei por ser un dos grandes prexudicados, ao non incluír ningún fondo para a execución da rotonda sobre a N-VI que, pola contra, si que estaba contemplada nas últimas contas do goberno de Mariano Rajoy, e que corresponden ao ano 2018. Candia e Olano estiveron acompañados dos senadores Rosa Arza e Manuel Varela, así como do líder dos populares neste concello, José Pardo Lombao.

Dende Lugo, seguiron a xuntanza de forma telemática Ramón Carballo, José Manuel Barreiro e Joaquín García Díez. Os tres subscribiron as palabras dos dous mariñáns.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.