En 2019 permitiuse o uso excepcional de 33 praguicidas que están prohibidos polo seu perigo

Ecoloxistas en Acción publicou un informe onde analiza as autorizacións excepcionais expedidas pola Dirección Xeral de Sanidade da Produción Agraria para os produtos praguicidas prohibidos. Do total das 33 substancias autorizadas, 13 foron identificadas como disruptores  endocrinos, químicos con capacidade de alterar o equilibrio hormonal

A organización ecoloxista conclúe que as derrogacións excepcionais autorizadas no Estado español non están xustificadas porque incumpren os requisitos do artigo 53 do Regulamento de Fitosanitarios e propón dez medidas para cambiar esta situación. O Regulamento (CE) Nº 1107/2009 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de outubro de 2009 (en diante, Regulamento de Fitosanitarios) prohibe a comercialización de substancias activas e dos praguicidas que as conteñan se teñen efectos adversos para a saúde humana, animal ou o medio ambiente.

Esta prohibición concrétase en que non se pode autorizar o uso de substancias activas que estean clasificadas como  mutágenas, canceríxenas ou tóxicas para a reprodución (nas categorías 1A ou 1B). Tampouco aquelas que, pola súa capacidade de alterar o sistema hormonal, poidan causar efectos nocivos á saúde humana ou en organismos non obxectivo. Co informe ‘Autorizacións de pesticidas prohibidos. O permanente estado de excepción fitosanitaria ameaza a saúde e o medio ambiente’, publicado por Ecoloxistas en Acción, a organización ecoloxista sinala que esta lexislación non se está cumprindo. Moi ao contrario, “está a vulnerarse o dereito á saúde da cidadanía, mediante a autorización de pesticidas que poderían ter unha alternativa menos nociva para a saúde e o medio ambiente”.

O número de autorizacións excepcionais autorizadas no Estado español entre 2013 e 2019 foi de 462. En 2019 a Dirección Xeral de Sanidade da Produción Agraria concedeu 33 autorizacións excepcionais que permitiron o emprego de praguicidas en concentracións superiores ou en usos diferentes aos autorizados. Oito das 32 substancias activas contidas nas 33 autorizacións de emerxencias, non estaban autorizadas. A razón: ter unha elevada toxicidade ou non ser solicitada a súa autorización polo fabricante. Do número total, 13 foron identificadas como disruptores endocrinos, substancias con capacidade de alterar o equilibrio hormonal.

Ecoloxistas en Acción fai fincapé no seu informe en que, segundo a lei, estas substancias deberían autorizarse “só cando se produzan situacións excepcionais de emerxencia fitosanitaria que requiran controlar un perigo que non poida xestionarse por outros medios razoables, segundo establece o artigo 35 do Regulamento. Estas autorizacións excepcionais deberán estar cientificamente xustificadas, serán para usos concretos e durante un prazo de tempo limitado non superior a 120 días”.

Estas condicións non se cumpriron para a maioría das substancias, segundo describe o informe. Moitas destas autorizacións, por exemplo as dos praguicidas 1,3 dicloropropeno e a cloropicrina, repítense ano tras ano sen xustificar a existencia dunha praga nin a falta de substitutos eficaces. Por todo iso, Ecoloxistas en Acción esixiu ás administracións que reforcen o control das derrogacións excepcionais autorizadas no Estado español e propuxo dez medidas:

  1. O solicitante debe de acreditar a existencia da praga mediante mostras e análises
  2. En base ao devanditos análise, débese especificar o organismo nocivo que se pretende combater así como o limiar admisible para consideralo como praga. Este limiar deberá ser publicado en documentos oficiais.
  3. A solicitude e a correspondente autorización, se esta é concedida, debe limitarse xeograficamente ás parcelas das explotacións agrarias onde se detectou a praga.
  4. Antes de resolver as solicitudes, a Administración debe realizar un exame das alternativas.
  5. Xustificar e acreditar con documentación científica as razóns de por que as substancias activas e produtos autorizados non son unha alternativa válida aos praguicidas autorizados excepcionalmente.
  6. No caso de que existan alternativas, débese optar polas de menor perigo para a saúde e o  medioambiente.
  7. Evitar a repetición de autorizacións excepcionais.
  8. Esixir información ás comunidades autónomas sobre as solicitudes recibidas, os controis efectuados, os expedientes sancionadores abertos, etc., co obxectivo de analizar a eficacia das autorizacións excepcionais.
  9. Mellorar a información dispoñible ao público.
  10. Cumprir a lei.

Ligazón ao informe ‘Autorizacións de pesticidas prohibidos. Edición 2020’

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.