Gonzalo Caballero. “Feijóo ten que aclarar por que “obrigou” a selar a unión de Caixanova e Caixa Galicia”

O voceiro do PSdeG no Parlamento, Gonzalo Caballero, instou hoxe a Feijóo a “explicar o burato” de máis de 8.000 millóns de euros que supuxo para as arcas públicas a fusión das caixas galegas que “forzou”, tal e como vén de ratificar a Audiencia Nacional nun auto do pasado día 1 de outubro.

De feito, ante o pleno do Parlamento, Gonzalo Caballero citou dese ditame que “Caixanova nunca habría sido intervenida si no se hubiera visto obligada a fusionarse con Caixa Galicia”, polo que esixiu a Feijóo que “responda ante Galicia” dunha operación que el impulsou e que concluíu coa perda das caixas galegas. “A maior catástrofe financeira de Galicia”.

“E vostede, señor Feijóo, é o responsable desta situación”, remachou o líder dos socialistas galegos, quen incidiu en que a fusión leva “a F de Feijóo, de fiasco e de fracaso”. De feito, incidiu en que Feijóo ten que “deixar de escapar” da súa responsabilidade neste proceso e aclarar por que “obrigou” a selar a unión de Caixanova e Caixa Galicia.

Neste punto, non só recordou que a entidade do sur “non estaba de acordo”, senón que Feijóo “enganou tamén” cando esgrimiu unha auditoría de KPMG que non era tal para avalar o proceso de fusión das caixas. “Onde está ese informe, que custou un millón de euros?”, reclamou, antes de reiterar que Feijóo “debe unha explicación sobre unha decisión tomada polos intereses dos seus socios políticos e económicos”.

“Marcou unha folla de ruta que nos levou a quedar sen ningunha das caixas e sen unha fundación bancaria cunha parte fundamental do accionariado do banco, como se fixo noutras autonomías”, evidenciou Gonzalo Caballero, consciente de que iso faría que a nova entidade financeira “estivese fondamente vinculada a Galicia e non se puidera mover”.

Por todo iso, o secretario xeral do PSdeG concluíu que a desaparición das caixas galegas foi “unha páxina negra máis do historia de xestión económica de Feijóo”, que inclúe fracasos como o de Pemex e a desaparición de empresas emblemáticas como Pescanova, Caramelo ou Alfageme.

“ALDRAXE”

En paralelo, o máximo dirixente do PSdeG recordou que a Xunta forzou a fusión das caixas en contra do criterio de Caixanova, o que provocou unha manifestación multitudinaria en Vigo.

“Mentres vostede brindaba e firmaba a fusión cunha estilográfica Mont Blanc feita para a ocasión, a cidadanía estaba na rúa dicíndolle que esa operación era unha aldraxe”

MOCIÓN DE CENSURA

Gonzalo Caballero arrancou a súa intervención na sesión plenaria amosando “todo o noso rexeitamento” contra a moción de censura que hoxe se está a debater no Congreso dos Deputados a instancias de Vox, nunha manobra que pretende poñer en risco “o noso modelo de convivencia”.

“Pedimos a todas as forzas políticas, e tamén ao PP, que se poñan a carón do goberno de España fronte á ameaza fascista”, reclamou o líder dos socialistas galegos a Feijóo, quen preferiu atacar ao executivo presidido por Pedro Sánchez antes que condenar o paso dado pola ultradereita.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.