María Pita será o escenario “estrela” dun Nadal sustentable

O Concello, que distribuirá 3,2 millóns de puntos de luz por toda a cidade, fixará na praza o elemento central, un planetario que evocará o da Casa das Ciencias e que nos lembrará o espectáculo nocturno dun ceo estrelado non contaminado. A praza servirá de punto de conexión con todos os barrios da cidade

O Concello da Coruña apostará este ano por unha iluminación de Nadal sustentable, que non por iso menos atractiva, xa que a idea é que toda a cidade desfrute da ornamentación pensada para celebrar esta época do ano e mais das estrelas do ceo cunha atenuación da luz artificial. Canto ás luces propias do Nadal, a praza de María Pita será o punto central, en que se instalará o elemento máis rechamante, un planetario que evoca o da Casa das Ciencias e que nos recorda o espectáculo nocturno dun ceo estrelado non contaminado. Terá un teito de choiva de estrelas en que se proxectarán distintas historias animadas e mais contará con música.

O obxectivo é crear unha atmosfera dos teitos de luz, unha analoxía do ceo nocturno estrelado, do que partirán distintos camiños que levarán o Nadal a todos os barrios da cidade en forma de motivos no chan, paraugas de luz, árbores ou arcadas de luces LED. Preténdese así que toda a veciñanza desfrute das luces do Nadal e, sobre todo, que a rapazada manteña viva a súa ilusión.

Deste xeito, A Coruña sumarase ao movemento “slowlight” e, ao revés que nalgúns concellos de España, “non pretendemos que se vexa desde a atmosfera, senón que a iluminación resulte cálida e acolledora, que invite ao paseo mais que non contamine”. A vinculación con slowlight pódese orientar cara á xeración dunha iluminación emocional, altamente eficiente pero pouco contaminante grazas ás ópticas empregadas e á atenuación da iluminación pública en diferentes partes da cidade.

Coa intención de conseguir un aforro enerxético pero que isto tampouco supoña unha redución da fantasía, baixarase a intensidade da iluminación habitual para que as familias desfruten do firmamento e dos 3,2 millóns de luces LED específicas do Nadal que se acenderán o vindeiro 4 de decembro. Desa intención de rebaixar o gasto enerxético, resultan os 490.000 euros de orzamento que custa o dispositivo deste ano.

A idea do planetario de María Pita parte da intención do Concello de homenaxear o palacete de Santa Margarida no seu 35 aniversario, polo que a estrela imitará dalgunha forma a ese edificio tan senlleiro nas arcadas polas que as coruñesas e os coruñeses pasarán para gozaren dos distintos espectáculos de imaxe e de música.

O vindeiro luns comezará a instalación do montante que pretenden converter nun percorrido emocional e confortable para a cidadanía. Para iso, terase en conta a esencia da cidade cunha chiscadela a aqueles lugares emblemáticos e claves para o comercio local, a hostalaría e o turismo. Trátase de realizar unha distribución equitativa dos recursos para que un sector especialmente danado pola crise sanitaria se beneficie e que as luces axuden a incentivar o consumo por parte da veciñanza, que poderá gozar dun concepto de iluminación global de cidade, que rompe con todo o anterior e que responde a un compromiso firme co medio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.