María Xosé Fernández Pardo (Vilalba Aberta). “Este é o goberno da parálise municipal”

Vilalba foi un pobo que ata as eleccións municipais do 2019 estivo gobernada polo Partido Popular en todo o tempo que levamos en democracia, pero tralas pasadas eleccións pasou a ser gobernada por unha coalición de PSOE e Vilalba Aberta, na que estes últimos agora xa non pertencen ao grupo de goberno, sendo os primeiros os que sí o fan en minoría, hoxe falaremos coa concelleira de Vilalba Aberta, María Xosé Fernández Pardo, que nos contará temas de actualidade dese municipio lucense:
-María Xosé, como leva esta situación de pandemia?
Con paciencia e con moita precaución porque a situación é a que é, xa que non sabemos cando vai rematar.
-Considera xustas as medidas tomadas polo goberno do Estado?
O problema que teño e que penso que temos a maioría é que non entendemos determinadas medidas porque se contradin con outras medidas pero se os científicos e técnicos din que iso é o mellor, non queda mais remedio que acatalo. A veces dubido porque estamos todos comas mascarillas postas e hai un brote tremendo, é realmente efectiva a mascarilla? Pregúntome ás veces. Levamos dende o verán coas mascarillas postas e sen embargo da a impresión de que non frea o virus, pero tampouco sei se sería moito peor se non a levaramos. É complicado xa que nen os científicos o saben exactamente, a xente da rúa menos e hai que fiarse de quen sabe, esa é a realidade.
-Por que se produciu a ruptura do bipartito en Vilalba?
Esa pregunta habería que facerlla fundamentalmente ao Partido Socialista, porque nós non rompemos, foron eles e iso trouxo consigo que teñan un goberno en minoría. Nós en ningún momento rompemos o pacto, é verdade que estabamos nunha situación un pouco incómoda por falta de información porque ás veces parecía que non querían contarche o que estaban facendo, ti preguntabas e contestábanche ou non che contestaban, non sabían e iso produce unha situación un tanto incómoda. Despois por outro lado, Modesto Renda era o que tiña dedicación exclusiva e estaba a facer un traballo moi bo, entón os veciños tiñan moito contacto con el, xa que estaba sempre no concello dispoñible porque ían outros veciños a falar con outro concelleiro e non estaba, pasábanlle a problemática a el e nós respetuosamente sempre lle deixabamos a calquera dos concelleiros, as cousas que nos deixaban a nós. Creo que no fondo a eles incomodáballes e chegamos a un extremo en que non puido ser e agora imos seguir facendo o traballo que faciamos pero dende a oposición.
-Teme a que por este percance, o Partido Popular recupere a alcaldía nas próximas eleccións?
Non diría tanto polo percance da ruptura, senón porque agora mesmo temos o goberno da parálise municipal, é dicir, non está funcionando. Anuncian moitísimas cousas pero todo queda niso, nun anuncio. Iso está levando á decepción a moitísima xente, falta traballo e hai moita lentitude na xestión, a proba é os orzamentos. O Partido Socialista está gobernando cos mesmos que o facía o Partido Popular, entón non avanza, como dixen é o goberno da parálise municipal.
-Como están agora mesmo as relacións co goberno municipal?
A relación que temos é dende a oposición facendo o noso traballo. Dende Vilalba Aberta podes ver nos plenos a cantidade de cousas que levamos, preguntas, estamos facendo un traballo intenso no que moitas mocións nosas saen aprobadas, por exemplo a de axudas directas a autónomos que nunca sacaron, ao contrario, puxeron unhas axudas de 30 euros que é un copia e pega do que fixeron en Monforte criticado polos comerciantes e autónomos pero a moción que Vilalba Aberta levou non se levou adiante. Levamos outra axuda aprobada en pleno de cheques para conciliación de familias traballadoras, tampouco sacaron adiante e sacaron unha axuda de 35.000€ que aforraban este ano do servicio de madrugadores e das ludotecas. Calquera cousa que levamos a pleno e sae aprobada, buscan a maneira de que non saia adiante nunca, entón eu entendo que iso é pouco democrática.
-Que deficiencias presenta baixo o seu punto de vista?
A lentitude en facer calquera cousa. Do programa que levaban nas eleccións, teñen paralizado absolutamente todo, dende os orzamentos que son fundamentais para gobernar con xeito, temas como a depuradora, o PXOM, centro de día, algún tema pequeno como o cobro das escolas deportivas que non se levaron a cabo as actividades pero non se lle devolveron os cartos aos usuarios… No centro de educación infantil que aquí na vila chamámoslle “O Parbulario”, ía empezar a funcionar un comedor infantil este ano que era necesario polo tema da pandemia un comedor infantil este ano que era necesario polo tema da pandemia, non sae adiante, todo o mundo se está queixando xa que non sabe cando vai comezar o funcionamento desde comedor. É unha lentitude absoluta, anuncian e despois non fan, como dixen é o goberno da parálise.
-Preguntaron en pleno por unha débeda de carpas das festas, de canto viríamos falando?
Son 29 parroquias neste concello, sabes que Vilalba en extensión é o segundo concello mais grande de Galicia. Non sei exactamente a canto ascende o importe pero se son 1.000€ por parroquia quitando a de Vilalba, serían 28 parroquias e ascendería a un total de 28.000€. Isto arrástrase dende 2019, estando nós no goberno quedaramos en que se ía pagar xa que viña de atrás de cando gobernaba o Partido Popular. A alcaldesa anunciouno pola radio e agora non o paga, entón eses cartos tivéronos que adiantar os veciños das parroquias, tampouco é moi xusto que estemos rematando 2020 e que aínda non recuperaran eses cartos do 2019.
-O soterramento dos cables que pidiron, como está agora mesmo?
Levámolo a pleno pero seguirá paralizado o asunto como todo, é un problema que se arrastra do anterior goberno, este ía ser o goberno do cambio e non se está cambiando nada porque non son capaces de sacar ningún tema adiante entón o normal é que os soterraran a só polo feísmo que provoca na zona vella, poderá anunciar pero despois de facer, nada de nada.
-Por último, teñen claro o voto para os orzamentos municipais de 2021?
Nós acabamos de sacar dende Vilalba Aberta o tema dos orzamentos participativos para que a veciñanza nos aporte as necesidades que cren que ten este concello, entón colleremos as inquedanzas dos veciños e eles, que son un goberno en minoría, terán que negociar e nesa negociación votaremos a favor ou en contra dependendo de se os temas que levaremos nós e nos trouxeron os nosos veciños, os leven adiante ou non. Se non atenden a razón, seguramente teremos que votar en contra se realmente dialogan, porque ao estar en minoría vano ter que facer ou con nós ou co Partido Popular, se hai un diálogo, votaremos a favor, nós non queremos paralizar o concello, queremos que funcione. Vilalba Aberta non é un partido político, somos unha asemblea aberta e o único que nos preocupa é que este concello funcione, non temos ordes de ningún partido e como ben dixen o único que queremos é que este concello funcione para tódolos veciños, non imos obstaculizar nada e eles que teñen que atender non só ás ideas deles.
Moitas grazas María Xosé, foi un placer.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.