O 8º Premio FEGADACE – Miguel Blanco recoñece o labor da Fundación María José Jove a favor da inclusión social das persoas con dano cerebral adquirido

A presidenta da entidade, Felipa Jove, recollerá este venres o galardón das mans do anterior condecorado, Pedro Diz, director da Unidade para Pacientes con Necesidades Especiais da Facultade de Odontoloxía da Universidade de Santiago

A Federación Galega de Dano Cerebral decidiu conceder o 8º Premio FEGADACE – Miguel Blanco á Fundación María José Jove, co obxectivo de recoñecer o seu labor a favor da inclusión das persoas con dano cerebral adquirido, especialmente a través da organización de actividades de lecer sen barreiras e de sensibilización sobre a discapacidade.

A Fundación María José Jove comparte co movemento asociativo do dano cerebral un obxectivo chave: a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade. Programas como Esfuerza -de actividades deportivas adaptadas para todo tipo de discapacidades- e iniciativas como a organización, en colaboración con ADACECO (a Asociación de Dano Cerebral da Coruña), dunha Xornada anual sobre o dano cerebral adquirido, achegan o labor da Fundación a este colectivo.

A Xunta Directiva de FEGADACE argumenta no seu fallo que “actividades como as que organiza a Fundación serven para facilitar o retorno ao contexto sociocomunitario e permiten o pleno desenvolvemento das capacidades de cada persoa a través das adaptacións necesarias para o exercicio de actividades de lecer e deportivas”, algo especialmente importante para as persoas con dano cerebral, xa que unha das consecuencias desta discapacidade é o illamento social, así como as dificultades comunicativas.

FEGADACE tamén salienta que “as portas da Fundación están sempre abertas á colaboración co colectivo do dano cerebral”, subliñando especialmente a devandita Xornada, así como outra actividades de sensibilización que teñen lugar na súa sede.

O acto de entrega: 23 de outubro en Compostela

A presidenta da Fundación, Felipa Jove, vai recoller o premio en Compostela este venres, 23 de outubro, nun acto de dimensións moi reducidas para un estrito cumprimento das formas de prevención de contaxios por COVID-19. Vai ter lugar a partir das 17:00 no Salón de Graos da Facultade de Medicina e está aberto á toma de imaxes. FEGADACE agradece a previa comunicación de asistencia para a ordenación do aforo.

Felipa Jove recibirá o premio das mans de Pedro Diz, director da Unidade de Odontoloxía para Pacientes con Necesidades Especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), entidade que ostenta a condecoración de 2019.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.