O Concello de Carral acolle esta fin de semana un obradoiro de pintura mural e a actuación de Lau

Lau é unha artista nova, versátil e multicultural de ascendencia brasileira, educación galega pero con fortes influencias da cultura estadounidense. Actuará o domingo 1 de novembro na zona da piscina municipal de Carral

O ciclo metropolitano de Música e Artes pola Igualdade, Elas Son Artistas, recala esta fin de semana no Concello de Carral cun obradoiro de pintura mural da man de 7H Coop. Cultural e a actuación de Lau.

Elas tamén Pintan é un laboratorio de arte urbana en clave feminista orientado a concienciar á mocidade sobre as desigualdades de xénero neste eido creativo e a dotar ás mulleres máis novas dun espazo formativo e de creación libre e seguro. A través da combinación de sesións teóricas con obradoiros de experimentación, este pioneiro programa artístico-educativo revisa a historia da arte urbana desde unha perspectiva de xénero, recoñecendo o traballo das artistas galegas, rachando estereotipos e facilitando ferramentas creativas ás participantes para a transformación artística igualitaria do espazo público.

Impartirase na Casa da Cultura de Carral o sábado 31 de outubro de 11.00 horas a 14.00 horas e o domingo 1 de novembro de 10.00 horas a 19.00 horas. Ademais, farase un mural na zona da piscina como peche da actividade. Poden apuntarse mulleres de 16 anos en adiante enviando un email a elassonartistas@gmail.com. Prazas moi limitadas!

Ese mesmo domingo, ás 18.00 horas na zona da piscina municipal, contaremos coa actuación de Lau, unha artista nova, versátil e multicultural de ascendencia brasileira, educación galega con fortes referencias da cultura estadounidense. Esa mestura formou unha cantante cun aceno de identidade propia, cunha voz doce, forte e carismática. Aprovéitase da dor e das batallas contra a súa propia mente para atopar inspiraciòn e á vez desafogarse facendo o que mais goza, cantar.

Entrada libre ata completar aforo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.