O Concello de Santiago e a Xunta acordan crear un grupo de traballo para analizar a nova documentación sobre as estatuas do Mestre Mateo

O Concello de Santiago e a Xunta acordaron hoxe crear un grupo de traballo para analizar as últimas evidencias en torno ás estatuas de Abraham e Isaac, atribuídas ao Mestre Mateo, e valorar liñas de acción conxuntas de cara á súa recuperación para o dominio público. Avanzárono hoxe o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, tras manter un encontro no que abordaron a aparición de nova documentación sobre estas figuras, declaradas Ben de Interese Cultural polo Goberno galego.

Os dous mandatarios subliñaron que a constitución deste grupo de traballo permitirá analizar o material existente e concretar as vías de colaboración entre a Xunta e o Consistorio compostelán desde o punto de vista xurídico.
O alcalde de Santiago agradeceu a implicación da Xunta, a quen o Concello pediu formalmente a constitución deste grupo de traballo, e fixo fincapé na importancia de que as estatuas volvan ao patrimonio público: «sería unha auténtica vergonza nacional que non se recuperasen». Non obstante, «o noso obxectivo non é traelas a onde estaban nos anos 40 e 50, nas escaleiras do Pazo de Raxoi, senón a un lugar onde toda a cidadanía as poida desfrutar: o Museo da Catedral ou o das Peregrinacións», indicou Sánchez Bugallo, que anunciou que a comisión de traballo quedará constituída a semana que vén.

Xuntanza de traballo na Alcaldía

O conselleiro de Cultura salientou que o Executivo autonómico «estivo, está e estará sempre» a disposición do Concello de Santiago de Compostela á hora de defender a protección patrimonial destas estatuas. Mostra diso, engadiu, foi a súa declaración como Ben de Interese Cultural en xullo do ano pasado, o que supón a maior figura de protección cultural de Galicia. Román Rodríguez destacou que estamos «sen dúbida ante unha boa nova» que demostra «a importancia de traballar de xeito conxunto entre as distintas administracións» para acadar acordos que resulten beneficiosos para a cidadanía. Do mesmo xeito, amosouse convencido de que este grupo de traballo desenvolverá un labor «serio e rigoroso» que permitirá sentar as bases para a recuperación das estatuas. O mesmo contará co asesoramento de expertos e especialistas xurídicos e históricos.
Esculturas da fachada occidental da catedral
As estatuas de Abraham e Isaac forman parte dun conxunto de nove esculturas atribuídas ao Mestre Mateo procedentes da desaparecida portada occidental da Catedral de Santiago de Compostela e declaradas Ben de Interese Cultural tras o Consello da Xunta do pasado 24 de xullo de 2019. Esta declaración trae consigo unha serie de obrigas legais para os propietarios entre as que figura o deber de conservación, acceso, comunicación, o dereito de tanteo e retracto así como o deber de habilitar un tempo de visita pública.
Trátase dunha serie de pezas e figuras románicas dunha cronoloxía comprendida entre o ano 1188 e o 1211 e que, aínda que estea fóra do seu contexto orixinal, permiten a identificación do proxecto arquitectónico da basílica compostelá. Este conxunto de obras implicaron un profundo cambio no templo durante o seu proceso construtivo, outorgándolle personalidade ao conxunto da obra e completando a mensaxe do Pórtico da Gloria.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.