O concurso ‘Muros que unen’ volverá premiar os mellores murais sobre desenvolvemento sostible

O prazo de inscrición para participar no certame remata o vindeiro 2 de novembro e as bases poden consultarse no portal web municipal ou na páxina do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en colaboración co Concello da Coruña, lanza o III Concurso de murais arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ‘Muros que unen’. O certame encádrase no convenio acordado entre as partes para destinar 20.000 euros a realizar actividades de sensibilización fronte ás desigualdades. A loita contra a fame, o acceso á auga e mais a enerxía sustentable serán os temas centrais das obras, que calquera persoa ou colectivo pode presentar ata o 2 de novembro.

Con ‘Muros que unen’ búscase dar a coñecer, a través da arte urbana, as 17 metas globais
fixadas polos Estados membros da ONU a finais de 2015 para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas no marco da Axenda 2030. Co fin de fomentar ademais o pensamento crítico e a participación cidadá na construción de cidades inclusivas, a terceira edición de ‘Muros que unen’ centrarase en tres deses 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), que os municipios deben contribuír a acadar.

Trátase do ODS 2: Pórlle fin á fame, lograr a seguridade alimentaria e a mellora da nutrición e promover a agricultura sustentable; o ODS 6: Garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para toda a poboación, e o ODS 7: Garantir o acceso a unha enerxía alcanzable, segura, sustentable e moderna para toda a poboación. Con anterioridade xa se representaran nas rúas da cidade os ODS 1, 3, 4, 5 e 11.

Outorgarase un premio de 2.000 euros por cada un dos tres ODS, que serán representados na fachada principal do Polideportivo Municipal de Labañou, para o que a organización facilitará todos os materiais necesarios. A técnica será libre, e ao concurso poden presentarse ata dúas propostas, seguindo o procedemento establecido nas bases, que poden consultarse no portal web municipal ou na páxina do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. As obras deben ser inéditas, de xeito que non fosen recreadas nunha parede con anterioridade nin premiadas noutros concursos. As dúbidas poden consultarse no teléfono 698 144 536 ou no enderezo
electrónico comunicacion@fondogalego.gal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.