O congreso do proxecto Gêres-Xurés presenta unha recreación en 3D do campamento romano de Aquis Querquennis 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou hoxe o congreso virtual transfronteirizo do proxecto Gerês-Xurés Dinámico, organizado pola Deputación de Ourense e cofinanciado polo Programa Interreg V A España-Portugal, cuxa finalidade é promover a protección e xestión sustentable dos recursos naturais da Reserva da Biosfera do Gerês-Xurés (RBTGX).

Baltar destacou “a importancia do traballo en rede nun ámbito fundamental como son as iniciativas a prol do medio ambiente” e salientou “a cooperación entre administracións e tamén a público-privada para achegar valor aos nosos territorios transfronteirizos de Ourense e Portugal”. 

Sobre a situación da pandemia do COVID-19, Manuel Baltar transmitiu palabras “de ánimo e fortaleza” e comentou a necesidade “de seguir desenvolvendo proxectos como este, polo cal agradezo a organizadores e participantes o labor realizado para que esta actividade permita pór en valor as experiencias sobre a riqueza natural transfronteiriza que compartimos”. Neste sentido, citou como exemplo a presentación dos paneis sobre patrimonio cultural, natural e de turismo, onde destacaron a presentación dos vídeos “Aquis Querquennis 3D” da Deputación de Ourense, que serán utilizados en APPs para as visitas ao xacemento arqueolóxico. Trátase de cinco traballos audiovisuais nos que se combinan actores reais cunha recreación en 3D do campamento romano no momento do seu uso por un continxente militar localizado ao carón da Vía Nova, a calzada romana que comunicaba Braga con Astorga. 

No congreso, moderado polo catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago e presidente do Grupo Colmeiro, Luis Caramés, teñen lugar tamén charlas-coloquio e unha mesa redonda sobre as reservas transfronteirizas ibéricas. 

Manuel Baltar destacou no acto inaugural “a importancia do traballo en rede a prol do medio ambiente” e salientou “a cooperación entre administracións e tamén a público-privada para achegar valor aos nosos territorios transfronteirizos de Ourense e Portugal” 

Ademais do presidente Baltar, o acto inaugural contou coa participación de Nava Castro, directora de Turismo de Galicia; Belén do Campo, directora xeral de Patrimonio Natural da consellería de Medio Ambiente, e Luis Pedro Martíns, presidente de Turismo do Porto e Norte de Portugal, ademais de representantes da Comissâo de Coordenaçâo e Desenvolvimento Regional do Norte, do Instituto da Conservaçâo da Natureza e das Florestas e do Programa Interreg V A España-Portugal. 

O principal obxectivo do proxecto Gerês-Xurés Dinámico é fortalecer a Reserva da Biosfera Transfronteiriza do Gerês-Xurés, a través do fomento da participación activa dos actores do territorio, a promoción do seu desenvolvemento económico e turístico sostible e a protección e conservación do seu patrimonio natural e cultural.  

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.