O grupo BioNanoTools afondará na detección temperá e tratamento de enfermidades por bioimaxe

O programa europeo  FET-OPEN financiará con case 3,5 millóns de euros a un consorcio no que toma parte a USC e que une a equipos de Austria, Francia e España

A investigadora da USC, Beatriz Pelaz, participará nun proxecto europeo que busca desenvolver unha nova tecnoloxía para a obtención de imaxes moleculares ‘in vivo’ e, en última instancia, facilitar o diagnóstico temperán de enfermidades e o desenvolvemento de novos conceptos terapéuticos. O proxecto SWIMMOT (acrónimo de Switchable magneto-plasmonic contrast  agents  and molecular  imaging  technologies) tratará enfermidades a través de bioimaxe de contraste grazas a unha nova tecnoloxía que fará posible o estudo de procesos fisiolóxicos actualmente non detectables en modelos animais.

O eixo central de SWIMMOT consiste na “fabricación dun novo tipo de axentes de contraste baseados en  nanomateriais con propiedades tanto magnéticas como ópticas, que son os responsables dunha detección dual mediante técnicas de imaxe combinadas”, explica Beatriz  Pelaz, cuxo equipo será responsable de xerar cubertas  biofuncionais nestes nanomateriais e avaliar a súa  nanotoxicidade.  Como modelo, estudaranse diferentes procesos involucrados na diabetes utilizando modelos de peixe cebra, e o obxectivo final desta tecnoloxía será “permitir a detección temperá de enfermidades, ademais do desenvolvemento de novas terapias, incluíndo o desenvolvemento de novos fármacos”, apunta a investigadora.

Consorcio internacional

O grupo BioNanoTools do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiales Moleculares (CiQUS) da USC, especializado no desenvolvemento de nanomateriais funcionais e as súas aplicacións biolóxicas e do que forma parte Beatriz Pelaz, unirase nun consorcio internacional con outros catro equipos de Austria e Francia, os cales proveñen de diferentes áreas do coñecemento como a química, ciencia de materiais, enxeñería e medicina. O proxecto desenvolverase baixo a coordinación do Instituto de Tecnoloxía de Austria (AIT).

A Comisión Europea acaba de financiar a proposta colaborativa deste consorcio cun total de 3,46 millóns de euros para catro anos a través do programa Future and  Emerging Technologies (FET-OPEN), que ten por obxectivo fortalecer grandes proxectos de investigación de alto risco, realizados en colaboración e ligados á creación de novas tecnoloxías de vangarda.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.