O PSdeG pide á Valedora “contundencia e máis investigacións de oficio” sobre as deficiencias nas residencias galegas

Isaura Abelairas denuncia que “unha vez máis” as principais queixas derivan dos problemas provocados pola “privatización e o desmantelamento da sanidade pública e os servizos sociais”

A deputada socialista, Isaura Abelairas, demandou este luns á Valedora do Pobo “continuar e con contundencia” as investigacións sobre residencias de maiores paralizadas coa declaración do Estado de Alarma pola COVID-19. Neste contexto, Abelairas lamentou que a pandemia paralizase unha investigación iniciada no 2019 na residencia de maiores DomusVi de Barreiro, en Vigo, sobre o trato aos usuarios.

No transcurso do pleno no Parlamento galego no que se deu conta do informe da Valedoría do Pobo do 2019, Isaura Abelairas lembrou que en concreto, a investigación analizaba “o abuso denunciado por familias dos sistemas de suxeicións dos maiores ás camas”, unha práctica que segundo advertiu a parlamentaria “vén sendo habitual nas residencias de DomusVi pola falta de persoal e na que debemos poñer toda a nosa atención”.

A parlamentaria socialista, salientou o feito de “que unha vez máis” as principais queixas recollidas no informe da Valedoría derivaron “dos problemas que as galegas e galegos atopan na sanidade e nos servizos sociais”, uns servizos que segundo denunciou Abelairas veñen sufrindo por parte do goberno popular “a privatización e o desmantelamento”.

A deputada lembrou que “aínda que este informe fala de 2019, ano no que ninguén auguraba o que estaba por vir”, moitos dos asuntos que o protagonizan “cobran sen dúbida na actualidade máis valor aínda”. En concreto, a deputada recolleu a parte do informe no que se  reflicte que “unha das principais fontes de queixas no plano laboral chegan do persoal do Servicio Galego de Saúde pola súa precariedade e eventualidade”.

Neste sentido, a parlamentaria manifestou que “o novo conselleiro debe atender dunha vez por todas” pola “conciliación e a estabilidade das e dos profesionais do SERGAS”, e pola “calidade do servizo que reciben as galegas e galegos” estas demandas.

HAZTE OÍR

Por outra banda, Isaura Abelairas salientou a queixa colectiva presentada na Valedoría sobre o reparto por parte da asociación “ultradereitista Hazte Oír” duns folletos que atentaban contra a realidade LGTBI no eido da educación. Neste sentido, censurou que as queixas sobre este asunto “non puideron ser concluídas a tempo pola Valedora pola falla de resposta durante meses” da Consellería de Educación.

A deputada cualificou de “inadmisible esta actitude por parte da Consellería tratándose dun asunto tan vital, que atenta contra os dereitos das persoas LGTBI”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.