Os socialistas galegos urxen a investigar a xestión das residencias de maiores

A viceportavoz do Grupo Socialista, Paloma Castro, urxiu a creación dunha Comisión de Investigación sobre “a xestión das residencias de maiores”, trala comparecencia da Conselleira de Política Social no Parlamento. A petición, solicitada logo de que o PP desbotase a súa creación no anterior Pleno, ten como obxecto “determinar responsabilidades”, así como revisar “a normativa aplicable” e “os protocolos de inspección”. Así, Castro calificou os datos publicados onte sobre as residencias como “desoladores” e lembrou á responsable da Consellería que “son maiores mortos, non datos”.

A responsable socialista definiu “a política de residencias de Feijóo con dous conceptos: modelo privatizador e falla de control” e denunciou que “dende hai 11 anos en Galicia estase a facer negocio cos nosos maiores coa total complicidade e conivencia do goberno da Xunta”. Neste marco, solicitou á conselleira de Política Social que “recoñeza os seus erros na xestión das residencias, para divisar as solucións polo ben dos nosos maiores”.

Castro lamentou que, dende que comezou a pandemia “a Xunta non está nin se lle agarda” e destacou que foron os concellos “os que asumiron competencias impropias para facer fronte á crise do coronavirus”. A viceportavoz socialista criticou que o goberno galego “está a desatender a 313 concellos e a 2,7 millóns de galegos e galegas” e recalcou que “a Xunta lle debe ao Concello de Pontevedra 400.000 euros de gasto social efectuado como consecuencia da covid”.

A responsable socialista cre que é “urxente” impulsar “unha política de atención ás persoas maiores” que poña en marcha “unha rede integral de modelos diversos de atención con xestión pública”. Deste xeito, asegurou que é preciso aumentar o número de residencias, centros de día, “atencións no fogar e outras fórmulas” que se poidan “adaptar ás necesidades de vida dos nosos maiores”.

Exclusión social

A viceportavoz Paloma Castro denunciou que o goberno galego se adicou nos últimos 11 anos de goberno “a recortar e minorar sen piedade as políticas sociais” e asegurou que, de non resolver estes problemas “con urxencia e vontade política”, se está a encamiñar “a certa parte da poboación á exclusión social”.

Castro denunciou que as medidas de apoio efectivo ás familias e persoas individuais para prever a marxinación e favorecer a inclusión social “son totalmente insuficientes e, nalgúns casos, totalmente inexistentes”. A socialista lamenta que “a realidade é que o discurso conservador que mantén o PP traslada a responsabilidade aos individuos, sen contemplar as desigualdades de partida nin dotalos dos instrumentos precisos para superalas”.

Neste senso, lamentou a “evidente falla de compromiso do goberno do PP cos dereitos sociais xerando unha inercia que vén a reducir os servizos sociais nunha simple xestión administrativa, rutineira, sen visión de futuro e sen dar resposta ás novas necesidades e demandas sociais da poboación galega”.

Castro denunciou a “falla de políticas efectivas de acceso ás vivendas sociais para familias con rendas baixas ou carentes delas” e propuxo a revisión da RISGA durante o ano 2021 para “complementar ao Ingreso Mínimo Vital que aprobou o goberno de España”. Así, instou á Consellería de Política Social a poñer en valor “a necesidade duns servizos públicos de calidade, para que ninguén quede atrás” a través do impulso de “políticas efectivas de apoio ás familias, de atención ás novas situacións de necesidade con risco de exclusión social”.

Lei de Dependencia

No eido da dependencia, Castro denunciou “a insuficiencia de servizos e prestacións para persoas maiores e dependentes”, ao considerar que Galicia inviste “tan só 126 euros por habitante fronte aos 150 euros da media nacional”. Ademais, destacou que o tempo de agarda nesta área “é de 342 días cando a lei obriga a resolver os expedientes en 180 días como máximo”.

A responsable socialista lamentou que “a totalidade dos indicadores” do sistema de dependencia en Galicia “amosan un importante retroceso respecto á media alcanzada polo conxunto de comunidades autónomas” e mesmo “se se comparan cos propios datos da comunidade autónoma no exercicio precedente”. Así, recordou que a Lei de Dependencia “sufriu un ataque real e frontal de recortes co Real Decreto Lei 20/2012” que, segundo dixo, “xa fora vaticinado polo propio Mariano Rajoy” quen indicou que “a dependencia non era viable”.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.