Pontevedra estrea o seu Km 0

Un sinal de catro metros instalado hoxe na Praza de España polas concellerías de Turismo e de Medio Natural sinala o punto de partida cara as rutas medioambientais e históricas do concello

Un sinal de cor vermella e catro metros de altura sinala dende hoxe na Praza de España o Km 0 dende o que nacen os principais roteiros turísticos, naturais e históricos que se poden realizar no concello de Pontevedra e na comarca. O fito, inaugurado esta mañá polos promotores da idea, os concelleiros socialistas Yoya Blanco e Iván Puentes, foi instalado fronte as Ruínas de Santo Domingo, ao lado dos sinais turísticos xa existentes (que tamén serán actualizadas), e conta cun código QR que enlaza coa web da Concellería de Desenvolvemento Sostible e ofrece información detallada de tódolos espazos referenciados no mesmo, incluíndo a súa xeolocalización, extensión, grao de dificultade e mapa da ruta.

O monólito foi deseñado co obxectivo de marcar o punto de partida dos diversos percorridos e poñer en valor a súa riqueza natural, histórica e patrimonial, dende a Alameda e As Palmeiras, o barrio da Moureira, a Xunqueira de Alba, a Illa das Esculturas, o río dos Gafos, o centro histórico, a ría de Pontevedra, o Lérez ou os roteiros Castelao, Sarmiento, Pintos e Bolechas até o Camiño Portugués, o Pazo de Lourizán, O Pontillón do Castro, a enseada de San Simón, Santa María de Xeve, Ponte Sampaio, os ríos Verduxo e Almofrei, As Mouras (Salcedo) ou a Serra da Fracha.

Tal e como sinalou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, “foi concibido como un fito de alta visibilidade, que mide 3 metros de alto e que vai elevado outro metro do chan, e cuxa superficie é de cor vermella, o que o converte nun punto de referencia de doada localización para as persoas que participen nos roteiros”. Aínda que a súa forma está inspirada nas iconas de localización dos mapas electrónicos, estilizouse ao máximo a tradicional bágoa invertida para que o monólito gañase prominencia visual e elegancia e, ao mesmo tempo, non ‘molestase’ neste espazo de elevado tránsito de turismo urbano que é a Praza de España.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, salientou “a incomparable beleza dos recursos naturais do municipio e do seu contorno”, que ademais de estar recollidos neste Km 0 da rede de rutas turísticas, tamén foron compilados polo seu departamento na guía de roteiros por espazos verdes, parques e xardíns urbanos ‘Pontevedra Verde’. A través desta guía de 16 páxinas, dispoñible para libre descarga en formato pdf compatible para dispositivos móbiles no apartado de folletos e guías da web de Turismo de Pontevedra (reservas.visit- pontevedra.com), @s visitantes poden obter información dos espazos naturais de Interese Local (ENIL) da Xunqueira de Alba e do río dos Gafos, as zonas de Especial Conservación (ZEC) do río Lérez e da enseada de San Simón, a Illa das Esculturas, a ría de Pontevedra, o parque forestal e deportivo do Pontillón do Castro ou o Xardín Botánico de Lourizán.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.