Razóns que só o corazón entende

O “annus horribilis” do Depor non se vai solventar nun partido, nin tampouco está garantizado que só vaia durar iso, un ano. Transitar pola 2B é un inferno de precariedade, de campos semi baleiros, céspede artificial e escaso foco mediático. Pero mentalizados xa de que é o que toca agora, a bancada branquiazul recolleu os restos do naufraxio e botóuse de novo a navegar. O vivido o domingo pasado en Riazor só é consecuencia da forza dun amor que, coma dicía Uxío Novoneyra, non pode ser inútil.

Noventa e cinco soporíferos minutos despois, no noventa e seis, a resposta ao agónico gol da vitoria voltou a ser coma na noite do campionato de Liga, ou na das Copas do Rei e as Supercopas. Coma unha noite de semifinais de Champions con arrecendo a épica e supervivencia. Só tres mil seareiros presentes, pero trinta mil corazóns a piques de desbordarse no peito non só na Coruña, senón en toda Galicia e fóra do noso territorio. Quedou patente na atención adicada dende os medios estatais, moitos deles os mesmos que fai uns meses deron as costas a un Depor que clamaba xustiza e cuestionaba ao poderoso. Daquela os “galleguiños” xa non eran o clube simpático que durante unha época puxo o binomio ligueiro habitual patas arriba. O domingo todos estaban alí, narrando o que os de aquí xa sabiamos: que do barco do Depor non baixara ninguén. A imaxe do capitán Bergantiños exultante, reconciliándose por fin co mellor do fútbol, cos bos momentos que tantas outras veces ten vivido sobre ese céspede, foi quizais o retrato exacto dun equipo que sufre pero que non se resigna. E que rema ata o derradeiro alento. O testarazo de Bóveda foi a ilusión prendida de novo nas gorxas da bancada, atónitos espectadores que esqueceron, nun segundo, amarguras e carraxes. Porque un dos que non abandonaron, Eneko Bóveda, fixo de salvavidas no medio do temporal para rescatar o que os medios españois non agardaban atopar: a dignidade e o orgullo intactos, en pé coma en cada un dos triunfos -e das derrotas- colleitados ata o momento. Ninguén dixo que vaia ser doado, pero se alguén pode conseguilo, saír á superficie dende o máis escuro das profundidades, será outra vez o Depor. É algo que non se pode explicar….porque só se entende dende o corazón de todos os seus incondicionais afeccionados. Cuestión de categoría.

Foto: RCD

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.