“Resulta contraditorio protexer o bordo litoral nunha parte e permitir unha mamotretada en Percebeiras”
A Asociación Veciñal de Labañou considera que «o que é válido e correcto para protexer o bordo litoral nas Xubias tamén serve para Labañou»
A A.VV “Francisco Rodriguez Otero” considera que a iniciativa de suspender licenzas e instrumentos de planeamento e de xestión na área das Xubias-Burgo, sendo atinada e procedente, “é parcial e incompleta e debe estenderse a outros polígonos da cidade, como o de Labañou”.
“Todos os argumentos e fundamentos contidos na proposta do Goberno local son de aplicación ao caso das Percebeiras, dado que ao igual que no caso das Xubias nin hai dereitos consolidados dos promotores, e o que hai é un acreditado incumprimento de prazos por parte dos promotores e a mesma necesidade de preservación do bordo litoral da cidade”.
Para a A.VV resulta “inaudito” que o Goberno local propoña para Xubias-Burgo “aquelo que nega para Labañou, cando o polígono das Percebeiras ten unha maior edificabilidade, ocupación e impacto visual e paisaxístico que en calquera dos polígonos da API da Ria do Burgo”.
“Tamén sorprende que en referencia a Percebeiras o goberno local teña feito referencia pública aos dereitos adquiridos dos promotores e a responsabilidade patrimonial municipal se se alterase o PXOM”, mentres para as Xubias aplícase, correctamente, a normativa legal respecto da inexistencia de dereitos e responsabilidade municipal por incumprimento de prazos.
A realidade é que tanto nun caso como noutro, o incumprimento de prazos polos promotores para o desenvolvemento urbanístico está acreditado “e nada impide que tanto nun caso como noutro o Concello da Coruña proceda á modificación do PXOM, previa suspensión de licenzas e paralización do trámite de aprobación do Plan das Percebeiras”.
“O Goberno debería explicar cómo vota en contra da moción que promovida desde a A.VV se debateu no pasado Pleno ordinario do día 1 de outubro e, agora, presenta unha iniciativa para As Xubias que é substancialmente coincidente cos argumentos e proposta resolutiva de dita moción plenaria”.
“Unha de dúas. Ou o Goberno local entende que hai dúas clases de litoral, o que hai que protexer (Xubias) e o que non (Percebeiras), ou ben hai outras razóns, que aínda non se nos explicaron, que xustifican tan contraditorio proceder por parte do Goberno local”, rematan dende a asociación.