Vilalba Aberta levará a Pleno “o incumprimento do Goberno co comedor da escola infantil”

Vilalba Aberta vén de anunciar que esixirá responsabilidades, en relación cos “continuados incumprimentos” do equipo de goberno municipal ao respecto do prometido ás nais e pais da Escola de Educación Infantil de Vilalba. Unha nova interpelación que se tramitará pola vía dunha moción de urxencia que, ademais de requirir a comparecencia en Pleno da Alcaldesa, ten como obxectivo último o da reprobación política da Concelleira de Políticas Sociais e Réxime Interno, Marta Rouco

A formación, que quixo facer súa a “máis que xustificada” indignación das familias e da Anpa, logo de que o Goberno Local anunciara que o servizo de comedor non ía estar listo para novembro, tal e como estaba “previsto e comprometido”; censurou moi especialmente que “unha vez máis se incumpra outro compromiso municipal, máis se cabe logo de anuncialo a bombo e pratos, e tomándolle o pelo, uns e outros, á veciñanza aludindo a que as administracións implicadas estaban a favor da súa posta en marcha”.

Tal e como apuntou a vicevoceira municipal da formación, Mª Xosé Fernández, o “decepcionante” anuncio do Goberno constitúe un novo chanzo na “nefasta xestión municipal” ao respecto das políticas de conciliación, “xusto no momento no que máis necesarias son para as familias traballadoras de vila e parroquias”.

A este respecto, a concelleira de Vilalba Aberta fixo súas as críticas da xunta directiva da Anpa da EEI, en relación coa “insuficiente dotación económica das subvencións para conciliación” e a “ausencia do prometido servizo municipal de madrugadores”.

“O Goberno do PSOE tumbou o sistema municipal de cheques axuda á conciliación, aprobado en Pleno a iniciativa de Vilalba Aberta e que poñía a disposición das familias traballadoras arredor de 160.000 no primeiro ano. Despois incumpriu a súa promesa de pór en marcha un Servizo Municipal de Madrugadores. Agora, volvemos vernos na obriga de censurar politicamente a súa xestión ao respecto do servizo de comedor, cuxa carencia deixa desatendidas ás familias máis vulnerables, tendo en conta as súas dificultades económicas que se foron agravando por mor da pandemia”, explicou.

Na mesma liña se pronunciaron as súas compañeiras na formación asemblearia, Mónica Fernández e Ana Paredes, lamentando os reiterados e inxustificables “compromisos e prazos incumpridos”, así como o “negativo impacto” que, de novo, terá na veciñanza a “evidente falta de planificación e capacidade de traballo” dun equipo de goberno que “sempre chega tarde”.

“Titulares e fotos en prensa, que logo non se traducen en nada. A veciñanza está farta e a reprobación é a ferramenta democrática que nos queda”, sentenciaron.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.